Silleda - a segunda fase do programa Aurora comeza en setembro

A segunda fase do programa Aurora, con práctica en empresas, comeza o vindeiro mes de setembro
A iniciativa está impulsada polo Concello de Silleda e o Instituto da Muller , para fomentar a empregabilidade das mulleres no rural 
Ademais de distintas accións formativas, o programa, contará nesta etapa con prácticas en catro empresas asentadas no municipio (Nudesa, Culinaria, Agapel e Fogar de San Miguel)
Silleda, 23 de agosto de 2012. O Concello de Silleda e o Instituto da Muller, organismo adscrito á Secretaría de Estado para a Igualdade poñerán en marcha o vindeiro mes de setembro a segunda fase do programa Aurora, que ten como principal obxectivo promover a empregabilidade das mulleres no ámbito rural. 

Esta iniciativa, cofinanciada polo Fondo Social Europeo, e que comezou xa a finais do ano 2011, cun total de 25 participantes, busca mellorar o acceso deste sector da poboación ao mercado laboral a través da participación das mulleres en itinerarios mixtos (de formación e emprego), deseñados tendo en conta as necesidades das participantes no proxecto.

Outra das premisas pasa por ofrecer unha formación ocupacional que se adecue ás novas demandas do mercado de traballo e ao entorno empresarial do municipio e da comarca. Así mesmo, preténdese fomentar o traballo individual e en grupo, con asesoramento e formación. 

Formación específica
O programa continúa agora cunha formación específica das participantes, logo da etapa adicada a orientación socio-laboral. Así, inclúense accións formativas como un obradoiro de habilidades sociais e de educación laboral, para mellorar as posibilidades de emprego, reforzando as capacidades das mulleres participantes, favorecendo a súa autonomía e diminuíndo obstáculos personais. Con este obradoiro, de 60 horas e que se dividirá en dous módulos (un sobre habilidades sociais e outro que abordará cómo afrontar unha entrevista de traballo) , comezará en setembro a nova fase do Programa Aurora. Tamén se prevén actividades como un obradoiro de autoemprego, para fomentar e difundir o espírito emprendedor das desempregadas, un curso básico de prevención de riscos laborais e outro de manipulación de alimentos.

Xa por último as 25 participantes terán a oportunidade de formarse e realizar prácticas en catro empresas de Silleda de sectores como a xerontoloxía ou a alimentación. As empresas que participan son a fábrica de pensos Nudesa, a peleteira Agapel, a firma Culinaria, de envasado de alimentos e a residencia Fogar de San Miguel, na parroquia de Ponte.

A concelleira de Emprego de Silleda, Margarita Campos, agradece a estas catro firmas locais o seu interese e disposición á hora de participar no programa. “A realización de prácticas laborais ofrecendo unha formación específica para este colectivo é algo fundamental, non só para complementar os obxectivos do programa, senon tamén polas posibilidades que ofrece ás participantes”, sinala, lembrando que o perfil das alumnas do Aurora é o da muller desempregada, residente no rural e sen formación específica.

O programa tamén terá unha continuidade, logo das prácticas, con una etapa de intermediación laboral coas usuarias, inserción e posterior seguimento, tratando de buscar posibles candidatas ás ofertas de traballo. Nesta fase pretende establecerse unha rede de colaboración cos empresarios/as ou entidades xestoras de emprego. O plan de intervención inclue tamén un seguimento pormenorizado, de tutela e acompañamento das alumnas .

Prazas vacantes
Das 25 participantes, que foron seleccionadas a través do programa Silleda Emprega, a maioría delas (22) continuarán con esta segunda fase, se ben tres delas foron baixa por atopar traballo. Así, volverá a realizarse unha segunda selección para cubrir as tres baixas. “Agardamos que o programa, que busca tamén mellorar a autoestima das mulleres, ademais de facilitar a súa inserción sociolaboral, de os froitos agardados”, sinala Margarita Campos, que lembra que algunha das empresas que colaborarán coa iniciativa xa amosou o seu compromiso por formalizar contratos. Ademais, a concelleira silledense advirte que as mulleres que desexen inscribirse, dado que hai prazas vacantes, poden pasar nos vindeiros días polo Concello para informarse. 

O presuposto do convenio firmado entre o Concello de Silleda e o Instituto da Muller ascende a un total de 34.000 euros, dos que 4.000 serán aportados pola Administración Local (1.000 en 2011 e 3.000 en 2012).

Ningún comentario: