Silleda – reunión coa directora xeral de infraestructuras e solicitude de cambios no PXOM

O Concelleiro de Obras, Manuel Cuiña, reúnese hoxe coa Directora Xeral de Infraestructuras para buscar solución á saída da autopista en Lamela e á senda de Manduas

Silleda, 3 de marzo de 2012

O Concelleiro de Obras do Concello de Silleda, Manuel Cuiña, manterá hoxe ás 16.30 horas en San Caetano, unha reunión coa Directora Xeral de Infraestructuras, Ethel Vázquez, para buscar unha solución á saída da autoestrada AP-53 á altura de Lamela, así como á senda de Manduas. “As dúas vías supoñen un grave risco para os seus usuarios, e dende o Concello non queremos agardar máis para atopar algún tipo de solución” afirma o Concelleiro de Obras, que estará acompañado pola Alcaldesa de Silleda, Paula Fernández Pena, no encontro.

A saída da autoestrada AP–53 á altura de Lamela, ten o firme moi deteriorado, con buracos enormes que supoñen un grave risco de accidente para todos os usuarios da vía. Ademais disto, o acho da mesma non é o suficiente para que, se dous vehículos se cruzan, poidan circular con normalidade, e nalgúns tramos, nin sequera hai espazo para os dous. O Concelleiro de Obras, solicitará na reunión do luns financiación para poder asfaltar a pista, e acondicionala para que non supoña perigo algún. Ao ser unha vía de titularidade municipal, Cuiña afirmou que de non obter a orzamento para esta obra, o Concello verase obrigado a limitar a tonelaxe para os usuarios da pista, para evitar que vehículos pesados sigan deteriorando a vía, e tamén riscos, posto que, o actual estado da mesma, non é seguro para os condutores.

No caso da senda de Manduas, trátase da estrada, sen arcéns, que vai ata a igrexa parroquial, pola que circulan a pé numerosas persoas, entre as que hai moitas da terceira idade. A diario, tamén circulan camións de gran tonelaxe, posto que é a vía que da servizo ás dúas canteiras que hai pola zona. Cando dous destes camións se cruzan, debido ao estreita que é a estrada, deben pisar fóra do asfaltado, por onde circulan as devanditas persoas, que se ven obrigadas a botarse bruscamente a un lado, para non ser atropeladas. Esta estrada é de titularidade autonómica, e o Concelleiro Cuiña solicitará o luns o arranxo da mesma, polo perigo que supón para os viandantes pasar por ela. De non ser concedido ese arranxo, será solicitado o permiso para obrar na vía, e tomar as medidas precisas, aínda que sexan temporais, para que ninguén resulte ferido.

“Sexa como sexa, buscaremos solución a ambos casos, por moito esforzo que nos supoña, xa que non permitiremos que por mor do estado das estradas os veciños e usuarios das mesmas, poidan sufrir lesións que neste momento nós podemos evitar tomando medidas e arranxando as vías” afirma o Concelleiro de Obras, Manuel Cuiña.

----------------------

O Concello de Silleda solicita a inclusión do solo industrial contemplado na redacción do PXOM, como ampliación do polígono A33 no Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais na Comunidade Autónoma

Silleda, 3 de marzo de 2012

O Concello de Silleda ven de presentar as alegacións oportunas ao Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresarias na Comunidade Autónoma, logo de que na publicación do anuncio, polo que sae declaración de supramunicipalidade do Plan, non se inclúan zonas industriais en Silleda. Neste escrito, o Concello solicita a inclusión no Plan Sectorial, do solo industrial contemplado na redacción do PXOM do Concello, como ampliación do actual Parque Empresarial Área 33.

A existencia dun eixo industrial como incubadora de empresas entre Lalín e Silleda, así como a relevacia que queda reflectida ao ser considerada Silleda como subcabeceira na estrutura das Directrices de Ordenación do Territorio (DOT) son algúns dos datos que se aportaron para apoiar e fundamentar a petición feita polo goberno local.

Asemade, tamén se destaca que dun total de 77 parcelas que integran as dúas fases da Área 33, 66 estean vendidas, representando o 86% da superficie ocupada. Na primeira fase as parcelas están todas vendidas, e na segunda, en só tres anos a ocupación é do 42% polo que é previsible a medio prazo a ocupación na súa totalidade, sendo agora o momento de contemplar a ampliación do Solo. “Que nun contexto de crise se consigan estes valores de ocupación e síntoma claro de que temos que traballar para a inclusión do futuro polígono nos plans da Xunta", afirma a Alcaldesa de Silleda e Concelleira de Urbanismo, Paula Fernández Pena.

Cabe sinalar, que segundo datos de Xestur, dos 70 propietarios, 20 non son silledenses, polo que representa un 29% de ocupación externa con capitalización do seu investimento. É dicir, que estes establecementos non responden á tipoloxía de talleres ou empresas de servizos procedentes da mesma localidade.

Esta ampliación que se lle solicita á Xunta dende o Concello, xa está prevista no PXOM de Silleda, que se atopa en Fase de Informe Previo para Aprobación Inicial, e a área sería un Solo Urbanizable Delimitado de uso Industrial cunha superficie de 367.684 m2.

As necesidades que tería Silleda dun parque empresarial baséase no adecuado e que sería a estruturación dun tecido industrial e de servizos que colabore á dinamización e impulso de actividades produtivas. Ademais, cabe destacar que Silleda consolidouse como Capital Agropecuaria de Galicia e Mercado Central Gandeiro Coa Feira Internacional de Congresos e Certames Feirais, e sobre todo que durante case 40 anos, serviu como motor de arranque da economía agraria galega.

Por todo isto, o Concello pretende que o Polígono Empresarial A33 se considere un espazo aberto a calquera demanda de superficie empresarial, sen poñer limitacións nin administrativas nin de terreo ás posibles demandas de asentamento, e lograr a ordenación do territorio a través da súa Planificación Urbanística, así coma a liberación dos núcleos de poboación de empresas, e evitar a dispersión de Unidades Produtivas.

As vantaxes, serían, entre outras, o progreso económico no Concello, a fixación da poboación local coa creación de postos de traballo, o favorecemento das correntes migratorias de poboación e a potenciación da Galicia de Interior.

Ningún comentario: