O Concello de Ames conmemora o Día Internacional da Muller cun completo programa de actividades
Os actos centraranse na xornada do sábado día 10 de marzo no Pavillón Polideportivo de Bertamiráns, coincidindo coa celebración da VIII Feira de Comercio Val da Maía e co obxectivo de procurar a maior participación posible. Ás 12,00 horas, representantes dos tres grupos municipais participarán na lectura dun manifesto institucional.
A través da Concellaría de Asociacionismo, Igualdade, Muller e Xuventude, o Concello de Ames instalará no Pavillón Polideportivo un “Mural pola Igualdade”, no que os interesados poderán deixar a súa pegada. As 17,00 horas, realizarase un obradoiro de elaboración de monicreques para difundir entre os máis pequenos valores de tolerancia e de educación non sexista.
Durante a semana que vén, tamén haberá obradoiros sobre igualdade na Biblioteca Municipal de Bertamiráns, o mércores 14 ás 18,00 horas, e na Biblioteca Municipal do Milladoiro, o xoves 15 ás 18,00 horas.
Ames, 6 de marzo de 2012. O Concello de Ames desenvolverá un completo programa de actividades con motivo da conmemoración do Día Internacional da Muller o próximo 8 de marzo, xornada na que se instalará un panel cun gran lazo violeta na entrada da Casa Consistorial e se facilitarán chapas conmemorativas aos interesados en colaborar na súa difusión. Este ano, sen embargo, aproveitando a celebración da VIII Feira do Comercio Val da Maía no Pavillón Polideportivo de Bertamiráns e co fin de procurar a maior implicación posible da cidadanía, os actos centraranse na xornada do sábado 10 de marzo, na que terá lugar, ás 12,00 horas, a lectura dun manifesto institucional na que participarán representantes dos tres grupos municipais.
A Concellaría de Asociacionismo, Igualdade, Muller e Xuventude instalará no Pavillón Polideportivo o “Mural pola Igualdade”, elaborado en colaboración coas bibliotecas municipais, no que se presenta o conto “Paconeves e as sete ananiñas”, unha revisión do relato tradicional no que os roles aparecen cambiados coa intención de promover unha reflexión sobre a situación da muller na sociedade. Todos os interesados poderán colaborar deixando a súa mensaxe relacionado co Día da Muller sobre o mural. A cambio, recibirán unha chapa co lazo violeta que conmemora a xornada. Pola tarde, ás 17,00 horas, desenvolverase un obradoiro con nenos que aprenderán a elaborar monicreques mentres se conversa con eles co fin de difundir, tamén a través dos xoguetes, valores de tolerancia e educación non sexista.
A conmemoración do Día da Muller Traballadora terá continuidade a semana que vén, na que os obradoiros de igualdade se trasladarán ás bibliotecas municipais. Así, a Biblioteca de Bertamiráns acollerá a actividade o mércores 14, ás 18,00 horas, mentres a Biblioteca do Milladoiro o fará o xoves 15, tamén ás 18,00 horas.
Enmarcado no seu labor para promover a igualdade entre mulleres e homes, a Concellaría de Asociacionismo, Igualdade, Muller e Xuventude desenvolve desde o mes de febreiro o programa de coeducación “Educar en igualdade”. Este programa ten como obxectivo formar o alumnado amiense para que se desenvolva e relacione plenamente sen prexuízos sexistas. Os obradoiros estiveron dirixidos aos nenos e nenas de quinto e sexto de primaria dos centros educativos de Ventín, Agro do Muíño, A Maía e Barouta, onde mañá remata a actividade. Dentro deste programa, que conta cunha subvención da Deputación da Coruña, enmárcanse accións dirixidas á poboación infantil e xuvenil para favorecer a coeducación.
Ningún comentario:
Publicar un comentario