A FUNDACION SEMANA VERDE CEDE UN TERREO AO CONCELLO DE SILLEDA PARA QUE CONSTRÚA UN CENTRO DE DÍA RESIDENCIAL
§ Alfonso Rueda e Paula Fernández asinaron esta mañá un convenio de colaboración para tal fin
§ A Fundación cederá gratuitamente o terreo, mentres que o Concello se compromete a construír nel unha residencia
Silleda, 2 de marzo de 2012.- O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, e a alcaldesa de Silleda, Paula Fernández, asinaron esta mañá un convenio de colaboración polo cal a Fundación Semana Verde lle cede uns terreos ao Concello para que este constrúa un centro de día.
O conselleiro expresou a súa satisfacción pola sinatura do convenio, xa que se trata dun bo exemplo de colaboración entre administracións na busca dunha mellora de vida dos cidadáns, neste caso dos veciños de Silleda e a súa comarca, que contará cun novo centro de día.
O convenio establece que a Fundación Semana Verde cédelle, de xeito gratuíto, unha parcela de 8.251 metros cadrados ao Concello. A parcela é periférica ao recinto feiral e está situada nas proximidades do campo de fútbol e do pavillón. Pola súa banda, o Concello de Silleda se compromete a levar a cabo a construción do centro de día residencial.
O representante da Xunta e a alcaldesa silledense coincidiron na importancia de sumar esforzos nun ámbito tan sensible e tan necesario como é o coidado dos maiores e na necesidade de aproveitar recursos e lograr sinerxías entre as distintas administracións.
Neste sentido, o conselleiro lembrou que se trata dun exemplo máis da colaboración entre o Concello de Silleda, a Xunta e a Fundación Semana Verde; unha colaboración que tamén se da no Padroado desta última e coa Deputación de Pontevedra, e que é fundamental para que a entidade feiral siga adiante.
Ningún comentario:
Publicar un comentario