O CONCELLO DE BRIÓN INVITA AOS EMPRESARIOS, AUTÓNOMOS E EMPRENDEDORES DO MUNICIPIO A PARTICIPAR NA PRIMEIRA GUÍA DE EMPRESAS ON-LINE
Esta iniciativa, que pretende promover o consumo no comercio local, dá continuidade á Guía de Empresas editada no ano 2009
5 de marzo de 2012.- O Concello de Brión traballa na creación dunha Guía On-Line de Empresas, Comercios e Servizos do municipio, “que permitirá revisar e actualizar a guía editada en 2009 e seguir apoiando o desenvolvemento económico local, promovendo o consumo nas empresas da nosa localidade”, explica Xosé Luís García, alcalde de Brión. Unha iniciativa que dá continuidade á Guía de Empresas editada a finais de 2009 e que foi repartida entre toda a veciñanza de Brión xunto coa revista municipal Altamira de decembro de 2009.
“Continuando con esta idea, o Concello pretende facer unha revisión e mellora desta guía a través da páxina web municipal. Un apoio nesta época de crise económica que é totalmente de balde para as empresas, autónomos e comercios que desexen participar”, apunta a axente de Desenvolvemento Local de Brión, Elisa Iglesias. Deste xeito, nesta guía on-line “ademais de ser un directorio das diferentes actividades empresariais, cada empresa interesada disporá dun espazo para dar a información que considere: datos de contacto, servizos ou productos ofertados, fotografías, promocións...”, explica Elisa Iglesias.
Para participar nesta primeira edición da Guía On-line de Empresas, Comercios e Servizos de Brión só é preciso dirixirse á Casa da Cultura, chamar ao teléfono 981 509 908 ou enviar un e-mail á dirección adlocal@briondixital.org. Ao igual que aconteceu coa edición impresa, a participación nesta guía é totalmente de balde e cada participante decide qué información e qué datos quere ofrecer nela. Non existe un prazo de inscrición, senón que se poden adherir e revisar a súa información de maneira permanente. A guía subirá a información e efectuará actualizacións en canto se reúnan cando menos quince negocios.
Ningún comentario:
Publicar un comentario