Silleda – exposición pública do proxecto de parque eólico en Monte Festeiros

Atópase en exposición pública o proxecto para o parque eólico Monte Festeiros

Silleda, 7 de marzo de 2012

O proxecto sectorial para a construción do Parque Eólico Monte Festeiros, do cal é promotor AV Montefesteiros S.L.U., atópase dende principios de marzo en exposición pública no taboleiro oficial de anuncios da Casa Consistorial ata principios do vindeiro mes. Asemade, durante trinta días dende a exposición os interesados poderán, ademais de consultar o mesmo nas dependencias de Urbanismo do Concello de Silleda situadas na rúa Alfonso Trabazo, facer as alegacións oportunas tras revisar a proposta da adxudicataria, Airosa Vento.

As parroquias de Graba, Refoxos e Cortegada serán as afectadas por instalación do parque eólico. Como xa se dixo noutra ocasión, a empresa promotora xa amosou a súa disposición para realizar as modificacións necesarias no trazado de vías e camiños de servizo para o parque, xa que se detectaran problemas en puntos nos que a liña eléctrica pasaba soterrada por entre as vivendas.

O Concello de Silleda, segue a mostrar un grande interese en que este proxecto se leve a cabo, polo aporte económico que supón para as arcas municipais.

O parque eólico de Monte Festeiros, conta cunha potencia concedida de 48 megavatios e un total de 16 aeroxeneradores de 3 megavatios cada un. Once deles estarán situados en territorio municipal de Silleda e os cinco restantes no veciño concello de Forcarei.

Ningún comentario: