O BNG PROPÓN UNHA CONSULTA POPULAR PARA QUE OS VECIÑOS DECIDAN QUE SOLUCIÓN ADOPTAR COA CASA CONSISTORIAL
Os informes técnicos sinalan a existencia de serios problemas estructurais no edificio, que ten máis de 60 anos
O portavoz do BNG de Ordes, Gonzalo Castro, anunciou que o seu grupo presentará unha moción no vindeiro Pleno na que proporán “que se acorde celebrar unha consulta popular, para que os veciños e veciñas de Ordes decidan que solución adoptar para resolver os problemas que ten o edificio da Casa Consistorial, que presenta danos serios na súa estructura”
Gonzalo Castro informou de que "os técnicos responsábeis da execución das obras de remodelación da Casa do Concello veñen de presentar un informe, que foi analisado pola Comisión de Urbanismo da Corporación Municipal, no que, despois de sinalar a existencia de graves problemas estructurais no edificio, enumeran as posíbeis solucións”.
O portavoz do BNG sinalou que “de acordo co contido do informe, e co asesoramento dos técnicos, na Comisión de Urbanismo concluiuse que a solución para o edificio da Casa Consistorial pasaría por unha destas tres opcións: un profundo reforzamento da actual cimentación e estructura, a construcción dunha nova cimentación e estructura, baleirando o edificio e deixando só a fachada ou, finalmente, a construcción dun novo edificio cun deseño de fachada idéntico ao actual”.
Castro salientou que desde o BNG “cremos que a decisión sobre que facer coa Casa Consistorial ten unha grande trascendencia, ao tratarse dun edificio de máis de 60 anos, que ten un valor simbólico innegábel por constituir unha das imaxes máis emblemáticas do noso pobo, por iso, a decisión final de que facer co edificio debe contar coa participación de todos os veciños e veciñas de Ordes”.
Estas razóns xustifican, a xuizo do portavoz dos nacionalistas ordenses, que “o Pleno da Corporación acorde a celebración dunha consulta popular entre os veciños de Ordes, para que éstos decidan a opción que queren executar co obxectivo de solucionar os problemas do edificio da Casa Consistorial, informando na consulta do custo económico e das características técnicas de cada unha das opcións baralladas polos técnicos”.
“A lei establece que se poderán convocar consultas populares por parte da alcaldía, previo acordo por maioría absoluta do Pleno, sempre que traten sobre asuntos de competencia municipal, que sexan de especial relevancia para os intereses dos veciños, requisitos que se cumpren, sen ningunha dúbida, na consulta proposta polo BNG”, segundo manifestou Gonzalo Castro.
O portavoz do BNG fixo fincapé en que “desde o BNG sempre consideramos esencial fomentar desde o Concello a participación dos veciños nos asuntos públicos, porque a democracia non se reduce a votar cada catro anos, a democracia exércese no día a día, coa participación da cidadanía nos asuntos que lles afectan”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario