O Concello non
excluíu a ningunha das asociacións de empresarios e comerciantes municipais e
estarán representadas na Mesa Local de Comercio de Ames
O Concello de Ames sae ao paso ante as acusacións feitas
por parte da Asociación de Empresarios, Comerciantes e Profesionais do
Milladoiro (AEMI), nas que se acusa ao goberno municipal de excluír a esta
asociación da Mesa Local de Comercio de Ames. Onte o alcalde asinou as cartas
que recibirán nos vindeiros días os tres presidentes das asociacións de
profesionais e comerciantes existentes no concello (Asociación de Comerciantes
de Bertamiráns, Asociación de Empresarios, Comerciantes e Profesionais do
Milladoiro e Asociación de Empresarios do Parque Empresarial do
Milladoiro) nas que se lle comunica que a Mesa Local de
Comercio de Ames foi constituída o pasado día 4 de marzo e que deben designar a
unha persoa de cada unha das asociacións para participar neste foro.
A constitución da Mesa Local de Comercio de Ames segue
dando que falar. Neste caso é a Asociación de Empresarios, Comerciantes e
Profesionais do Milladoiro (AEMI) a que se queixa de ser excluída deste foro.
Dende esta asociación acusan ao goberno municipal de non informarlles sobre a
constitución da Mesa de Comercio Local. Ademais manifestan que o alcalde de
Ames, Carlos Fernández, convocou este foro sen contar coas asociacións máis
representativas do Milladoiro.
Dende o goberno municipal manifestan que “iso é
rotundamente falso xa que a Mesa Local do Comercio estará composta por unha
persoa de cada unha das asociacións de comerciantes e profesionais que existen
no municipio, deixando un oco aberto para aquelas asociacións que se poidan
constituír no futuro”. Isto realizouse deste xeito non só por decisión do
alcalde senón porque así se establece na Lei 13/2010 de 17 de decembro do
Comercio Interior de Galicia. Hai que salientar que a devandita a Mesa de
Comercio foi constituída o pasado venres, día 4 de marzo. O alcalde de Ames,
Carlos Fernández, foi o encargado de constituír a devandita mesa mediante
decreto de alcaldía número 225/2011.
En primeiro lugar, segundo establece a Lei 13/2010 de 17
de decembro do Comercio Interior de Galicia, esta mesa estará integrada por
unha persoa representante de cada unha das asociacións locais de persoas
comerciantes e de persoas consumidoras existentes no respectivo municipio
(Asociación de Comerciantes de Bertamiráns, a Asociación de Empresarios de
Milladoiro, e a Asociación de Empresarios do parque empresarial do Milladoiro)
e igual número de representantes da Administración local, así como unha persoa
representante da Administración autonómica, esta última con carácter
voluntario. A secretaría da Mesa Local de Comercio será exercida con voz pero
sen voto por persoa designada pola administración local.
Tanto é así, que no decreto asinado polo alcalde deixase
aberta a posibilidade para poder incorporar, no futuro, outras asociacións de
nova creación. No decreto recóllese literalmente “as asociacións locais de
persoas comerciantes e de persoas consumidoras poderase aumentar no seu número
en caso de inscricións de novas asociacións no termo municipal de Ames”.
Ademais, esta mesma lei regula no seu artigo 21 a Mesa
Local de Comercio configurándoa como órgano colexiado de participación, coordinación,
cooperación e colaboración entre a Administración local e os axentes
representativos do sector comercial.
Desenvolvendo
este decreto onte mesmo o alcalde asinou as cartas que lle foron enviadas aos
tres presidentes das asociacións de comerciantes e profesionais existentes no
termo municipal de Ames para informarlles de que o pasado 4 de marzo foi
constituída a Mesa Local de Comercio de Ames e para que o presidente de cada
asociación designe a unha persoa para que asista a este foro en representación
de cada unha das asociacións. Ademais envióuselle unha carta ao conselleiro de
Economía e Industria da Xunta de Galicia, Javier Guerra Fernández, para
comunicarlle que queda un posto libre para unha persoa representante da
Administración autonómica, se así o consideran oportuno dende o Xunta de
Galicia.
Polo tanto, en breve terán a comunicación deste acordo e
informaráselle que xa foi constituída a devandita mesa, que se reunirá como
mínimo unha vez ao ano en cumprimento da Lei 13/2010 de 17 de decembro do
Comercio Interior de Galicia.
Dende o goberno municipal explican que si se lle informou
antes da constitución desta mesa á Asociación de Comerciantes de Bertamiráns
foi simplemente porque o mércores pola mañá tiveron unha reunión, na que
participaron o alcalde e a concelleira de Promoción Económica, co obxectivo de
coñecer a nova directiva desta asociación que foi recentemente renovada, e ante
a pregunta de se xa estaba constituída a Mesa Local de Comercio o propio
alcalde foi o encargado de comunicarlle que fora constituída por decreto de
Alcaldía o pasado 4 de marzo.
Úrsula Seijas, remata dicindo “o que lamento é que tendo
o meu teléfono e o meu ofrecemento para que me chamen cando o necesiten, non o
fixeran e acudiran primeiro aos medios de comunicación creándose este
lamentable mal entendido”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario