OS ALCALDES DA ESTRADA E TEO SOLICITAN Á XUNTA A RETIRADA
DOS ANDAMIOS ABANDONADOS NO RÍO ULLA, XUNTO Á PONTE DE PONTEVEA
Dende o Concello de Teo xa se enviara un escrito o 2 de
febreiro facendo esa petición á Dirección Xeral de Patrimonio
15 de marzo de 2011. Os alcaldes da Estrada e Teo, José
Antonio Dono e Martiño Noriega, solicitarán á Dirección Xeral de Patrimonio
Cultural que proceda á retirada dos andamios empregados nas obras de
consolidación da ponte medieval de Pontevea,
que une ambos concellos atravesando o río Ulla, mediante unha carta
asinada conjuntamente polo dous rexedores.
Esta actuación, que supuxo unha importante mellora no estado
de conservación e no aspecto estético da ponte, foi adxudicada polo organismo
da Xunta de Galicia e levada a cabo durante os meses de verán de 2010. Sen
embargo, tras o remate das obras, a empresa responsable dos traballos non
retirou os andamios.
De feito, no seu escrito os rexedores fan constar que parte
da estrutura se atopa non só nas marxes do río Ulla, senón tamén no leito da
súa canle, somerxida baixo a auga. Isto supón un aspecto visual moi negativo no
contorno desta ponte, tan emblemática para ambos municipios, e nun lugar de
gran beleza paisaxística. Ademais, as pezas do andamio están a ser arrastradas
pola corrente do río, o cal pode supor un serio problema ante o inminente
inicio da temporada de pesca.
Pese a non ser a administración responsable da obra, e ante
o evidente prexuízo que comporta esta situación, o Goberno municipal de Teo xa
informara mediante un escrito previo á propia Dirección Xeral, para que instase
á empresa responsable a retirar os andamios, medida que aínda non se levou a
cabo.
Ambos alcaldes acordaron reiterar esta solicitude ante a
Xunta de xeito conxunto, para que tome as medidas oportunas. Os dous rexedores
recoñecen que a Xunta non é a responsable directa do actuar da empresa, pero
lembran o seu papel como administración que adxudicou os traballos e que, polo
tanto, debe velar por que se cumpran as condicións do contrato. Así, agardan
obter unha pronta resposta por parte do departamento autonómico.
Ningún comentario:
Publicar un comentario