A escola infantil
O Bosque celebra o mes da música
A música será
o tema central arredor do que xirarán as actividades deste mes na Escola
Municipal Infantil O Bosque de Bertamiráns. Os nenos e nenas participarán en
obradoiros semanais sobre diversos estilos de música. Ademais, pais e nais dos
cativos toman parte tamén na iniciativa achegándose á escola a tocar
instrumentos. A finais de mes a escola acollerá unha exposición sobre a actividade.
A Escola Municipal Infantil O Bosque de Bertamiráns adica
este mes de marzo a amosar aos nenos e nenas do centro o apaixonante mundo da
música por medio de varias iniciativas. Cada semana os cativos traballarán un
estilo diferente en obradoiros nos que toman parte activa. Nestas actividades
trátanse estilos como a música tradicional de Galicia, o pop, a música clásica
ou as cancións infantís. Nos obradoiros escóitanse mostras deste tipo de
música, aprendendo despois os rapaces algunha canción ou melodía
representativa. Tamén se fabrican instrumentos con material de refugallo que
estean ligados ao estilo en cuestión. Como exemplo, unhas maracas elaboradas
con vasos de plástico cheos de garavanzos e decorados con diversas pinturas e
adhesivos de cores vistosos.
A iniciativa
deste mes musical require tamén da colaboración de pais e nais. Estes están
convidados con tempo para tomar parte activa na iniciativa. A resposta está a
ser boa, e algúns están achegándose a escola infantil municipal do Bosque para
tocar diversos instrumentos como son o saxo, a guitarra, a pandeireta, a gaita,
o teclado ou o pandeiro.
Moitos pais e
nais apuntáronse con ganas de ir tocarlle algunhas pezas aos fillos,
demostrando unha boa disposición a participar nesta iniciativa, mais para
algúns deles foi bastante dificultoso acudir debido a que foi imposible adaptar
o seu horario laboral ao da escola infantil ou establecer outro tipo de horario
que lles permitise participar, polo que, non houbo dificultades para atopar
pais e nais que tocasen algún tipo de instrumento dispostos a acudir ao
chamamento das mestras, pero si para poder garantir a súa asistencia.
A pesares destes
problemas, finalmente atopáronse a un bo grupo de instrumentistas que fixeron
as delicias dos cativos que ademais de gozar da música, ficaron abraiados ao
ver aos seus proxenitores fabricando música, polo que, segundo nos indican
dende a escola, permaneceron moi quietos, calados e atentos ás interpretacións
paternas e maternas.
Abraiados tamén
quedaron os pais e nais que participaron ao ver aos seus cativos e cativas tan
tranquilos e ben centrados en escoitar as pezas. Poderiamos dicir que, de
primeira man, comprobaron a veracidade da afirmación “a música amansa ás
feras”. E non é por chamarlles feras aos rapaces e rapazas do Bosque, pero como
pequechos que son, e como todos cando fomos pequechos, algo inquedos e
hiperactivos si que son: !Cativos/as si, pero revoltosos/as coma ninguén! Os
pais e nais, ao rematar estas actuacións, daráselles un diploma que os acredita
coma mellores intérpretes e levan para casa unha foto da actuación.
Este mércores
acudiu ao centro de educación infantil unha parella. Ela cantou cancións
infantís -o xénero ao que se lle adicaba esta semana- e o pai puxo as súas mans
ás ordes do teclado co que aportou o fondo musical das cancións.
Na vindeira
semana o xénero musical escollido será a música tradicional galega, polo que un
grupo de pais e nais acudirá ao centro e interpretará diversas pezas armados
cunha gaita, unha guitarra, unha pandeireta e un bombo. Para a seguinte, a
protagonista será a música pop, polo que acudirán ao centro infantil dous
intérpretes de guitarra e gaita que tocarán varias melodías coas que mostrarán
aos cativos e cativas o que é a música pop.
A finais de mes
exporanse na propia escola fotos das actuacións e os instrumentos elaborados
polos nenos e nenas e as profesoras. Con esta iniciativa os cativos de
Bertamiráns aprenderán a apreciar a música e a coñecer de primeira man a súa
profunda e rica diversidade de estilos. Todo, como non podía ser doutro xeito
sendo nenos e nenas, da forma máis lúdica e divertida posíbel.
Así pois, aos
cativos e cativas do Bosque aínda lles quedan un par de semanas coas que gozar
da música coas persoas que máis queren e que máis os queren: os seus pais e
nais.

Ningún comentario:
Publicar un comentario