O TSXG
dálle a razón ao Concello fronte os recursos presentados pola promotora
inmobiliaria Mahía contra o plan de inspección do imposto de construcións,
instalacións e obras
A
promotora inmobiliaria ten que aboar cinco actas de
desconformidade que ascenden a un total de 31.002,24 euros
O xulgado
contencioso administrativo número 1 de Santiago de Compostela e a sala
correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia déronlle a razón ao
Concello en cinco recursos presentados pola promotora inmobiliaria Mahía contra
o acordo adoptado pola Xunta de Goberno local do 30 de decembro de 2009, no que
se recollía a liquidación de varias actas de conformidade e desconformidade do
plan de inspección do imposto de construcións, instalacións e obras (ICIO)
realizado durante ese exercicio. Na actualidade están pendentes de resolver outros catro recursos
presentados pola mesma empresa. Dende o Concello cren que a
promotora debería desistir neste
proceso, e se non o fai, pedirase a imposición de costas por manifesta
temeridade, ao existir sentenzas firmes que avalan a postura municipal.
Este proceso xudicial está motivado pola posta en marcha do plan de inspección
sobre os tributos municipais. Deste proceso encárgase o departamento de
Tesourería municipal, que traballa de xeito conxunto coa empresa adxudicataria
do servizo de recadación, Gestión Tributaria Territorial.
O Concello de
Ames, a través do departamento de Tesourería, está levando a cabo unha forte inspección de todos os impostos que se
recadan ao longo do ano. Nese senso, está realizando un traballo especial cada
ano co imposto de construcións, instalacións e obras (ICIO) e co imposto de actividades económicas (IAE), entre outros. Neste traballo tamén colabora a empresa adxudicataria do servizo de
recadación, Gestión Tributaria Territorial. Para iso, a comezos de 2009
aprobouse e púxose en marcha un plan de inspección que redunda especialmente no
control das liquidacións do ICIO e de todas as liquidacións provisionais deste
imposto con efecto retroactivo.
O plan de inspección consiste en comprobar que o custo de execución
material da obra é o que figuraba no presuposto inicial emitido pola empresa
adxudicataria no momento de solicitar a licenza de obra. A contía do imposto
está constituída polo custo real e efectivo da construción, instalación ou obra,
e enténdese por tal, o custo de execución material dos traballos realizados.
Este custo soamente se coñece ao finalizar a obra.
Despois de rematar o proceso de inspección sobre o ICIO correspondente ao
exercicio 2009, na Xunta de Goberno Local celebrada o 30 de decembro de 2009,
aprobouse a liquidación definitiva destas contías correspondentes ao ICIO e
procedeuse a notificarlle este acordo ás empresas co fin de que fixeran o
aboamento deste tributo no prazo estipulado.
Algunhas das empresas que tiñan que efectuar este pagamento mostraron o seu
desacordo e acudiron ante a xustiza. Por esta vía optou a promotora
inmobiliaria Mahía que interpuxo nove recursos contra o acordo adoptado pola
Xunta de Goberno local do 30 de decembro de 2009, no que se recollía a
liquidación de varias actas de conformidade e desconformidade do plan de
inspección do ICIO.
Sentencias
favorables
Ata o de agora
os xulgados do contencioso administrativo de Santiago de Compostela e a sala
correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia déronlle a razón ao
Concello de Ames en cinco recursos interpostos pola promotora inmobiliaria
Mahía en relación con liquidacións polo imposto de construcións, instalacións e obras (ICIO) viradas
na fase de fin de obra e na que se detectou que o orzamento consignado nos
correspondentes proxectos non respondía á realidade.
Esta promotora inmobiliaria interpuxo nove recursos contra outras moitas
liquidacións cos mesmos fundamentos que lle foron rexeitados respecto dos cales
entenden que debería de desistir, e que se non o fan pedirase a imposición de
costas por manifesta temeridade, ao existir sentenzas firmes que avalan a
postura municipal. Na actualidade están pendentes de resolver catro recursos.
O alcalde de Ames, Carlos Fernández, manifestou que “ata o de agora hai
cinco recursos xa resoltos que nos dan a razón e outros catro que están aínda
en trámite xurídico. De producirse sentencias que vaian na mesma liña que as
anteriores, eu como alcalde encargueille encarecidamente aos servizos xurídicos
que pidan a imposición de costas por manifesta e reiterada temeridade na
interposición de recursos”.
O rexedor municipal continua dicindo que “unha cousa é que todo o mundo
teña dereito a defenderse e a velar polos seus propios intereses, e outra ben
distinta é que se intenten obstruír as decisións da administración de forma
inconsistente e reiterada. Creo que a condena a pagar as costas sería
exemplar”.
Concretamente as sentencias emitidas din que se desestiman os recursos
presentados por unha promotora inmobiliaria contra o acordo adoptado pola Xunta
de Goberno Local, en sesión extraordinaria celebrada o día 30 de decembro de
2009, pola que se aproba a liquidación con carácter definitivo de cinco actas
de desconformidade, que ascenden a un total de 31.002,24 euros.
O goberno municipal decidiu inspeccionar as empresas promotoras que
deixaban de tributar por parte das obras que facían, danando ao erario público
e o interese cidadán. A diferencia de valoración do custo de
execución material, das cinco obras motivo de litixio, defendido pola promotora
inmobiliaria Mahía e o defendido polo Concello de Ames ascende a contía de 1.326.493 euros.
Seguimento
das obras
En moitos casos as empresas adxudicatarias de licenzas de construcións
elaboran un proxecto técnico que é unha primeira previsión dos gastos que
carrexará a execución da devandita obra seguindo o proxecto elaborado. Pero
posteriormente realízanse diversas modificacións ou melloras que levan consigo
un aumento do presuposto. Debido a iso faise preciso facer un seguimento dos
traballos executados para realizar a obra e comprobar que o orzamento inicial
coincida co custo final das obras. De non ser o caso a compañía deberá aboar a
parte proporcional desa diferenza que existe no presuposto en forma de imposto
ao Concello.
Por conseguinte, no ICIO, a remuneración tería que situarse ao finalizar os
traballos, cando estea rematada a obra en cuestión e cando se poida coñecer o
custo real e efectivo deses traballos. É por iso que este imposto hai que
pagalo en dous momentos, unha remuneración adiantada ou liquidación
provisional, e unha final que vai unida á realización de melloras ou outro tipo
de arranxos na obra que se levou a cabo anteriormente, que dá lugar á
liquidación definitiva do imposto.
Datos
inspección 2009
Dende a posta en marcha deste plan aprobáronse un total de 124 actas de
conformidade que ascenden a un importe de 416.815,20 euros. Por outra banda
asináronse 45 actas de desconformidade que suman unha contía de 685.414,54
euros. Tamén se asinaron 21 actas de comprobado e conforme. A través deste
proceso realizado sobre empresas e promotoras ao longo de 2009 o Concello
liquidou un total de euros 1.102.229,70 euros.
Por último o
alcalde de Ames, Carlos Fernández, incidiu en que “o que se vén a demostrar en
sede xudicial é que esta promotora inmobiliaria mentiu reiteradamente no valor
que declaraba das súas obras co obxectivo e conseguir librarse de pagar o
imposto de construcións, instalacións e obras que debe recadar o erario público
para beneficio colectivo e para garantirlle ao Concello os ingresos que lle
corresponden por tal concepto”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario