Amosando publicacións coa etiqueta ANOVA. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta ANOVA. Amosar todas as publicacións

Teo - Presentación acordo de gobernabilidade Anova - Psoe

O alcalde de Teo, Rafa Sisto (Son de Teo-Anova) , e a concelleira do PSdeG-PSOE presentaron onte en rolda prensa o acordo de gobernabilidade para o Concello de Teo para os próximos catro anos. Un acordo para un goberno progresista cun programa de corte social que responde ás necesidades básicas e fundamentais da sociedade, segundo explicaron. 

Os dous representantes destacaron ademais que durante as negociacións houbo “unha aposta xenerosa por ambas partes na que se negociou e se consensuou un goberno e un programa”. O fomento do emprego e as políticas de benestar son dous piares fundamentais deste pacto de estabilidade. 

Rafa Sisto explicou que na negociación “buscamos os puntos de encontro e formar un goberno no que todos sexamos partícipes das decisións xa que as teremos que defender diante da cidadanía”. O acordo “baséase nunha estrutura de xestión e nun programa”. Uxía Lemus destacou como prioridades deste goberno “as políticas de emprego, o centro de día que a Xunta lle debe aos teenses, a sostibilidade como un elemento transversal xa que queremos que Teo sexa un referente na política medio ambiental ou a a seguridade viaria”. 

Os dous coincidiron en destacar que se trata dun acordo “das forzas que gañamos as eleccións, forzas de esquerdas con prioridades e principios nos que coincidimos” explica Rafa Sisto. 

O goberno de Teo terá seis grandes áreas de xestión. Da alcaldía dependerá economía e facenda, medio natural (no que se inclúe a xestión do ciclo da auga), lingua, persoal e comunicación. A área de Urbanismo dependerá directamente do PSdeG-PSOE xa que Uxía Lemus encargarase de Urbanismo, Vivenda e Sotibilidade (PXOM, disciplina urbanística, vivenda, obras de urbanización, sostibilidade) e Roberto Moñino de Infraestruturas (Plans provinciais de infraestruturas e plans especiais de colaboración con outras administracións). A propia Uxía Lemus destacou que a elección desta concellaría vén motivada “polos nosos perfís profesionais, centrados no urbanismo”.

A área de Benestar será responsabilidade de Ignacio Iglesias e recolle os servizos sociais, escolas infantís, igualdade, conciliación, voluntariado, participación veciñal entre outras. Salomé Beiroa encargarase dunha concellaría de administración, cultura, educación e deporte na que contará co apoio de Pilar Pérez para o ámbito de Cultura e Jorge Carballido para Deportes. A maiores inclúe administración electrónica, contratación e seguridade cidadá. A área de Servizos Básicos, da que se sigue encargando Xurxo Francos, atenderá a xestión das brigadas municipais, reaparación de vías e camiños, parques e xardíns, alumeado, limpeza viaria e xestión de RSU. Pola súa banda Conchi García terá a área de transporte e emprego na que tamén se engloba comercio e turismo.

Teo - Debate entre 3 dos catro candidatos a alcaldía

O salón de plenos do Concello de Teo acolle un debate entre tres dos catro cabezas de lista ás eleccións locais do 24 de maio. O encontro será mañá sábado 16 de maio ás 12:00 horas no salón de plenos municipal e dende as formacións políticas animan á cidadanía a asistir e participar coas súas preguntas e suxestións. Este debate retrasmitirase por streaming dende a web municipal premendo no banner En directo que aparece na marxe dereita da páxida de inicio de teo.gal.

O encontro contará coa presenza de Manuel Anxo Fernández, candidato á alcaldía do BNG-Asambleas abertas, Uxía Lemus, candidata á alcaldía do PSdeG-PSOE e de Rafael Sisto, candidato á alcaldía por SondeTeo-Anova. O candidato do Partido Popular, José Manuel Guerra, decidiu non participar neste debate. 

Os/as acaldables realizarán unha intervención inicial de dez minutos no que farán unha exposición das liñas principais do seu programa de goberno. A continuación abrirase unha quenda para as preguntas do público asistente.

Lindeiros - O pleno de Teo inicia a municipalización da auga e o BNG pide que Martiño renuncie o soldo

O pleno de Teo aprobou na noite de onte comezar o proceso para a municipalización do servizo da auga cos votos a favor do equipo de goberno, do BNG e do Psoe (excepto no punto sobre o persoal no que se abstiveron) e en contra de InTeo e o Partido Popular. 

Aínda que as distintas partes do servizo dividíronse nos puntos 7 a 9 case todo o debate produciuse no primeiro deles de forma xeral. As principais dúbidas apuntadas por Psoe e BNG apuntaron aos prazos que ao ser tan próximos ás eleccións farán que certos procesos como a selección de persoal téñanse que facer en precampaña, campaña ou mesmo cun goberno municipal en funcións; o concelleiro de obras Rafa Sixto explicou que dado que as mesas de contratación de persoal estaban formadas por funcionarios e non por políticos iso non representaba un problema. 

Manuel Parajó de InTeo insistiu en que o proxecto económico non se axustaba á realidade e que os custos serían moito maiores; pola súa banda Carmen Leboran de Partido Popular centrou a súa negativa na posición na que quedan os traballadores da empresa coa posibilidade de perder o traballo ao non poder ser subrogados; Rafa Sixto insistiu en que eles teñen que axustarse ao informe de secretaría que é o que di que non se pode producir a subrogación pero que en todo caso traballan para unha empresa privada que é a que ten a responsabilidade sobre os seus postos, que eran sensibles coa situación e que entenden a defensa dos seus intereses que os operarios poidan facer nos tribunais. Rafa Sixto explicou que se se produce unha situación xudicial, cunha demanda, na que exista a posibilidade de que nun futuro teñan que ser subrogados por orde dun xuíz eles farano de inmediato como medida cautelar para evitar unha contratación de empregados novos e que no futuro, por esa posible decisión xudicial, o concello teña que asumir o persoal actual atopándose cunha duplicidade de contratos.

Noutra orde de cousas o pleno aprobou por unanimidade  unha moción do BNG para instar á Xunta a que declare a ponte de Pontevea como Ben de Interese Cultural.

A sorpresa do pleno foi a moción de urxencia presentada tamén polo BNG e na que se instaba a Martiño Noriega a renunciar ao seu soldo de alcalde; a urxencia foi aprobada e no debate Manuel Anxo Bad insistiu na falta de responsabilidade do alcalde ao facer campaña en Santiago mentres é alcalde de Teo. Martiño Noriega desvelou que en días pasados enviou unha carta aos grupos explicando as súas razóns, entre outras que moitos alcaldes fan campaña mentres o seguen sendo como o propio Agustín Hernández pero ademais lembroulles que o seu soldo foi outorgado polo pleno municipal e que por tanto se no canto de "instar" a que renuncie "piden" que se lle retire e conseguen que se aprobe o seguiría exercendo de alcalde sen o soldo. A pesar da insistencia de Martiño Noriega ningún dos grupos atreveuse a cambiar o texto da moción ainda contando con suficientes votos como para deixar sen soldo ao alcalde, finalmente o BNG levantouse seguido dos outros grupos polo que o alcalde levantou tamén a sesión.

Anova Boqueixon - A Xunta non aproba o Plan Xeral do concello

A CONSELLARÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS NON OUTORGA A APROBACIÓN DEFINITIVA DO PXOM DE BOQUEIXÓN

· AOrde da Secretaría Xeral de Territorio e Infraestruturas notifica a necesidade de recalcular a consolidación de todos os núcleos rurais e o cambio nos Nucleos Urbanos de Lestedo e o Forte; tamén incide nunha serie de deficiencias nos urbanizables residenciais de Lestedo e no chan Industrial da Susana.

· O PXOM terá que modificarse e recurtarse profundamente.

· O Equipo de Goberno do PXOM así como o equipo redactor amosan unha preocupante incompetencia para aprobar un PXOM despois de 12 anos de tramitación e dous intentos frustrados.

· Dende Anova agardamos que toda a tramitación sexa transparente e que non se realicen estes cambios de costas aos veciños.

Anova Boqueixón expresa a súa preocupación pola incompetencia demostrada tanto do Equipo de Goberno como do Equipo Redactor do PXOM, unha vez analizada a resolución da Secretaría Xeral de Territorio e Infraestruturas na que notifica a non aprobación do PXOM de Boqueixón por multitude de deficiencias. 

Facendo unha análise da orde da Consellaría, vemos que as deficiencias non son menores tendo en conta que estas afectan ao conxunto do PXOM. Por un lado ao chan urbano de Lestedo e do Forte, a todos os núcleos rurais do concello ao empregarse un método de cálculo de consolidación dos núcleos inapropiado e ademais á delimitación concreta de 37 núcleos rurais, así como aos Urbanizables Residenciais de Lestedo e Industrial da Susana. 

É así que de aprobarse este PXOM, terá que ser con multitude de recortes; recortes das áreas rurais, das urbanas e das urbanizables. É dicir, o Plan, de sair, sairá fortemente recurtado en comparación co que foi exposto ao público.

É pois hora de esixir responsabilidades tanto ao Equipo de Goberno como ao Equipo Redactor que amosan unha preocupante incompentencia para sacar adiante un documento de planificación urbanística, necesario para sentar as bases do futuro do noso concello. Despois de 12 anos de tramitación (esta comeza no ano 2002), cuantiosos recursos económicos para a súa elaboración, e dúas tentativas, non foron capaces de sacar adiante este documento, cunha consecuencia directa na actual parálise que está a sufrir o noso concello. 

E do mesmo xeito esiximos do Equipo de Goberno unha retificación pública, toda vez que co seu habitual autobombo, anuncia nestes días dende a propia revista municipal a aprobación do PXOM para principios de 2015, cuestión absolutamente falsa.

ANOVA Teo - Acto aberto o próximo venres 31

Anova Teo acaba de sacar do prelo o seu quinto voceiro no que aborda a importancia da FORZA DO EQUIPO, o affaire con Aquagest e a intención de municipalizar o servizo da auga, o problema das vigas que ceden no auditorio da Ramallosa e convoca un acto aberto para este venres, 31 de outubro, na casa común de Rarís, de cara a elaborar coa veciñanza o programa electoral das municipais de maio.

En primeira plana, vai unha gran foto dos sete integrantes do goberno (o alcalde, Martiño Noriega; Rafael Sisto, primeiro tenente de alcalde, é o responsable de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Seguridade Cidadá; Carme Hermida Gulías, de Cultura, Patrimonio e Normalización Lingüística; Anxo M. Rey Martínez, o concelleiro de Transportes, Turismo, Emprego e Deportes; María Carmen Álvarez Garea, a concelleira da área de Educación; Xosé Ignacio Iglesias Villar, o encargado dos servizos de Benestar Social, Igualdade e Participación Veciñal e Xurxo Francos Liñares, o edil dedicado aos Servizos Básicos e á Mocidade) na bela Fonte da Florida, na parroquia de Rarís, co titular A FORZA DO EQUIPO. Neste breve texto asegúrase a continuidade deste xeito de traballar contra vento e marea, agora que Martiño Noriega non se presenta ás eleccións, para “evitar que se destrúa o que tanto custou facer” e garantir que o concello de Teo “nunca volverá ser o que foi”.

Nas páxinas centrais, sobresaen dous epígrafes: AS PANTASMAS DO PASADO, onde se

conta como o centro sociocultural da Ramallosa, “obra emblemática do PP”, afúndese ao desencolarse as vigas, e O CONSELLO CONSULTIVO TUMBA A ÚLTIMA CACICADA DO PP, onde se relata o grande logro deste goberno de Teo conseguindo a nulidade da ampliación do contrato de Aquagest. Aínda que o equipo de Martiño Noriega xa intentara, nada máis gañar as eleccións do 2007, anular a devandita ampliación do contrato, a abstención do PSOE impediuno e agora, tras sete anos de traballo, aproveitou a intención de Aquagest de modificar o contrato para volver propoñer a nulidade e, esta vez si, conseguila no pleno e logo referendada co ditame do Consello Consultivo que a declara nula de pleno dereito.

A maiores, o concelleiro de Urbanismo, Rafa Sisto, explica a intención de municipalizar o

servizo da auga ao considerar “que con 1.200.000 €, que é o que lle custa ao concello o

servizo que xestionaba Aquagest, pódese dar un bo servizo público”.

A contraportada anuncia o acto aberto, que rematará cun magosto de Samaín, do vindeiro

venres, 31 de outubro, ás 20:00 horas, na casa común de Rarís, para recoller ideas entre a

veciñanza coas que enriquecer o programa electoral das vindeiras municipais de maio.

Encabezada cun “E ti, que dis?”, a derradeira páxina aparece chea de xente que fai preguntas e

aportacións, tal e como queremos que se desenvolva o acto do venres, para espertar o

interese en participar para facer o noso concello como queremos que sexa e que se goberne



deica ao 2019.

PSOE ANOVA BOqueixon - moción conxunta para anular a adxudicación do tanatorio

PSOE E ANOVA PRESENTAN UNHA MOCIÓN CONXUNTA AO FIN DE DEIXAR SEN EFECTO A  ADXUDICACIÓN DO TANATORIO NA CASA DA CULTURA DE CAMPORRAPADO

Anova Boqueixon - moción para recuperar a auga para o concello


PRESÉNTASE MOCIÓN CO OBXECTO DE RECUPERAR A AUGA PARA O CONCELLO DE BOQUEIXÓN
 Preténdese con esta moción rematar co secuestro da auga ao que nos ten sometido a
empresa Espina y Delfín.

ANOVA Boqueixón - Xavier Canabal di que o concello está secuestrado polo PP


UN CONCELLO SECUESTRADO POLO PARTIDO POPULAR.
O PP ofrécelle a Gacio unha adicación parcial de 1.619,34 €/mensuais.
A estratexia do PP non ten límites: dimite sen dimitir, e como premio ofréceselle unha
adicación, sen ter ningunha área delegada.

Anova Boqueixón - abandono do pleno de elección de alcalde


ABANDONO DO PLENO DA CORPORACIÓN, CONVERTIDO NUNHA COMEDIA POLO PARTIDO POPULAR.
Xabier Canabal, abandona o pleno de elección de alcalde.
O PP deseñou unha estratexia de “cambio formal” de alcalde, co nomeamento dun “home de palla” dirixido polo Sr. Gacio.