BNG Teo - o BNG consegue a aprobación de 3 mocións no pleno


O BNG DE TEO CONSEGUE APROBAR TRES MOCIÓNS NO PLENO MUNICIPAL
A proposta do grupo municipal do BNG, solicitarase a supresión do copago farmacéutico e rexeitaranse os recortes da Xunta do PP en Educación e a concentración de alumnado de infantil e primaria
Rexeitamento da suba do IVE, o recorte nas prestacións por desemprego, e todas as medidas que cargan sobre a cidadanía a factura da crise económica

O grupo municipal do BNG conseguiu aprobar tres mocións, co rexeitamento do PP, no pleno do Concello de Teo celebrado o 26 de xullo. Unha na que se solicita a supresión do inxusto copago farmacéutico, outra na que se rexeitan frontalmente os recortes en educación denunciando a supresión de aulas e a concentración de alumnado, e finalmente unha iniciativa na que se rexeitan as medidas económicas impostas polo Goberno de Rajoy e na que se manifesta a oposición á reforma local que terá graves consecuencias para Teo.
Segundo explicou o portavoz municipal do BNG de Teo, Manuel Anxo Fdez. Baz, na primeira das mocións cualifícase o sistema do copago farmacéutico como inxusto e insolvente, e destácase que quedan fóra de financiamento medicamentos fundamentais que non teñen alternativa en Galiza, nin nas farmacias nin nas distribuidoras. O BNG rexeita a utilización desta vía para colaborar no pago do rescate á banca privada española. Na moción ínstase á Xunta de Galiza a desenvolver unha normativa propia, en virtude das competencias sanitarias que lle atribúen as leis galegas e o Estatuto de Galiza, que reduza o impacto da medida imposta polo Goberno do Estado nas economías familiares galegas e suprima o copago farmacéutico para as persoas pensionistas.
Na segunda moción, o BNG oponse á supresión de aulas e á concentración do alumnado de infantil e primaria. Estas medias e a redución de persoal docente para a atención do alumnado con necesidades educativas especiais, así como os recortes en comedores escolares e transporte, agravan o retroceso significativo que se ven producindo desde 2009 polos drásticos recortes e a falta de atención ao sistema. Todas estas medidas tiveron un impacto significativo nos centros de ensino de Teo como se visualizou no peche de varias escolas rurais infantís, ou no incremento da ratio de alumnos por aula (en 2010, 15 aulas superaban a ratio). Un exemplo do impacto destas medidas atópase no IES de Cacheiras no que a consellería xa lles comunicou que non contarán para o vindeiro curso con dous profesores, malia que o número de alumnos se incrementou e que contarán con dous cursos máis. Tocante aos agrupamentos, para o curso que ven no CRA de Teo vaise producir un agrupamento interciclos, e non se atenderá a demanda dun novo mestre, e tampouco se corrixirá a concentración do alumnos que se produce nunha unidade de educación infantil que supera a ratio fixada na normativa. Para resolver esta problemática, o BNG instou á Xunta a eliminar a concentración de alumnado de Infantil co de Primaria, a dotar aos centros de ensino de persoal e de recursos necesarios para a atención do alumnado con necesidades educativas especiais e a modificar a súa política educativa e garantir unha educación pública de calidade.

Na última das mocións, o BNG denunciou a reforma do Goberno central, co pretexto da crise, que limita a autonomía dos concellos. Na moción rexéitanse as medidas de reforma da Lei de Bases do PP, en canto invaden competencias propias de Galiza, non solucionan a falla de financiamento que sofren os concellos galegos e atacan a autonomía municipal dos concellos de menos de 20.000 habitantes, como é o caso de Teo; así mesmo rexéitase a redución de número de concelleiros e concelleiras por canto reduce o pluralismo político, a necesaria participación na xestión municipal e non significa aforro económico ningún por canto a inmensa maioría de concelleiras e concelleiros non perciben retribucións económicas; do mesmo xeito tamén se demanda a supresión das deputacións provinciais pasando as súas funcións a concellos e Xunta de Galiza, que conlevaría un importante aforro económico e unha eficiencia na xestión; e manifestase a oposición do BNG a cargar sobre as funcionarios e funcionarios públicos a crise económica coa supresión da paga extra de nadal e sobre a cidadanía coa suba do IVE, co recorte nas prestación ao desemprego, medidas que conlevarán unha redución da capacidade adquisitiva e unha caída no consumo e na actividade económica que prexudicará gravemente ao comercio e á actividade económica local.
Todas estas medidas van ter un impacto moi negativo en Teo, concello no que hai 1.550 parados/as, e no que o desemprego medrou desde xuño de 2009 un 44,8%, unha cifra que queda moi por riba da media estatal, 29,5%, e da galega, 34,4%.
Para o portavoz municipal, Manuel Anxo Fdez. Baz queda de manifesto a política do PP de priorizar os intereses dunha minoría fronte aos da inmensa maioría, sen entrar en cuestións fundamentais como a reforma do sistema fiscal ou a redución racional do gasto non produtivo como é o caso das deputacións. En lugar de actuar contra a crise desde unha perspectiva social a través dunha redistribución da renda e da riqueza, o PP reincide na liña de aproveitar a crise para implantar o programa de máximos da dereita económica, que en realidade procura manter os privilexios dunha minoría a costa de recortar dereitos das maiorías sociais.
Na quenda de rogos, fíxose especial fincapé na necesidade de que o Concello instase á Xunta a acometer con celeridade medidas de seguridade na AC-841. Así mesmo, manifestouse o descontento da veciñanza por actuacións en materia de servizos básicos como a limpeza das beirarrúas e dos espazos públicos.

Ningún comentario: