Frades - charla sobre a reforma da política agraria


GANDEIROS DE FRADES PARTICIPARON NUNHA CHARLA DE UNIÓNS AGRARIAS SOBRE A PAC

Alertaron sobre o risco de reducción dun 11% no orzamento de España e pediron aos gandeiros que comproben que os seus terreos están contemplados como de especial protección agropecuaria no PXOM


Unha quincena de gandeiros e gandeiras de Frades participaron este mediodía nunha charla-coloquio sobre a reforma da Política Agraria Común (PAC), celebrada no multiusos José Botana. Unha charla organizada polo sindicato Unións Agrarias, en colaboración co Concello de Frades.

Técnicos de Unións Agrarias explicaron aos presentes que nestes momentos se fala de reducir nun 11% os fondos correspondentes a España e que Galicia é unha das comunidades que menos recibe destes fondos, debido á importancia que ten o factor superficie na súa concesión. Por esa mesma razón, fixeron un chamamento para que os gandeiros e gandeiras de Frades comproben que os seus terreos están contemplados como de especial protección agropecuaria no Plan Xeral de Ordenación Municipal de Frades, actualmente en fase de exposición pública ata o vindeiro luns 30 de xullo. Sen embargo, a realidade demostra que a maior parte das alegacións presentadas ata o momento polos veciños piden cambiar ese terreo de especial protección agropecuaria por aproveitamento forestal.

Durante esta charla-coloquio, os técnicos de Unións Agrarias explicaron que a nova PAC entrará en vigor en xaneiro de 2014, se ben convirirá coa actual ata 2019 e fixeron especial fincapé na inxustiza de que as axudas se concedan en base ao criterio de superficie. Un criterio que perxudica especialmente a Galicia, como demostra que os 40.000 perceptores de axudas de Galicia, Asturias e Cantabria cobraran o mesmo que os 120 maiores propietarios de terreo do país.

Por iso, fixeron un chamamento a reivindicar diante do Goberno español que se amplíen ata o límite do 20% os fondos asociados á producción cárnica-leiteira, xa que a norma europea permite este incremento sobre o 5% recomendado.

Ningún comentario: