O PLENO DE OROSO APROBA O REGULAMENTO E
AS TAXAS DO CAMPOSANTO MUNICIPAL DE
MARZOA
O pleno instará á
Deputación da Coruña a mellorar o trazado da CP-3802 e construír unha senda
peonil entre Carballal e O Castro (Marzoa)
Unanimidade da corporación
na moción de apoio ao sector lácteo
O pleno ordinario do Concello de Oroso aprobou na
tarde-noite de onte o regulamento de utilización do camposanto de Marzoa,
o primeiro de titularidade municipal que se constrúe en Oroso, así como a
ordenanza fiscal reguladora da taxa pola prestación dos servizos do camposanto.
Dous puntos que foron aprobados cos 12 votos a favor de PSOE, PP e BNG; e co
voto en contra do Partido Galeguista.
O concelleiro de Medio Rural e Parroquias, Jaime Carneiro, explicou que “os
veciños de Marzoa levabamos anos pedindo o camposanto e así se aprobou en
asamblea xeral”. Un camposanto municipal que conta con catro bloques de
panteóns: 77 columnas, con 4 nichos e un cinceiro por cada un, o que fai un
total de 308 nichos. O prezo fixado para cada nicho é de 11,75 euros/anuais,
que serán aboados todos xuntos, “se ben dende o Concello daremos a posibilidade
de que se abonen en dous ou tres prazos”, adianta o alcalde Mirás Franqueira. O
prezo de 4 nichos e un cinceiro será de 47 euros.
O prazo de duración dos dereitos funerarios é de 75 anos, xa que os nichos
seguirán sendo de propiedade municipal, polo que non poderán ser obxecto de
compravenda, permuta o transacción de ningunha clase (se ben no regulamento está
contemplados procedementos de transmisión dos dereitos). Outra característica
deste camposanto é que non existirá discriminación algunha á hora dos enterros
por razóns de relixión. A súa construción supuxo un investimento de 411.946,63
euros (IVE incluído), cun aforro de máis de 169.000 euros sobre o orzamento
base de licitación.
Sector lácteo
A única unanimidade da sesión tivo lugar coa aprobación dunha moción en defensa
do sector lácteo. Ante as reticiencias do grupo Popular a dar o seu voto a
favor, o alcalde orosán lembrou que “esta moción, aínda que leva o membrete do
Concello de Oroso, é unha moción presentada polos produtores e polos
sindicatos, que mesmo foi aprobada por unanimidade na Mancomunidade, tamén
polos alcaldes do Partido Popular”.
Neste sentido, Manuel Mirás indicou que “na comarca de Ordes, unha das
comarcas gandeiras máis importantes, estanse a perder explotacións leiteiras
cada semana. É hora de que a Xunta faga algo para que se pague o leite a un
prezo razoable”. Por iso, o Concello de Oroso solicítalle ao presidente da Xunta,
Alberto Núñez Feijoo, que esixa aos Ministerios de Agricultura e Economía que
non permitan que a distribución francesa e alemá nos trate como o sumidoiro
para a súa produción láctea a costa de arruinar zonas produtoras como Galicia;
e a que tome as iniciativas oportunas para impedir a discriminación de prezos
que as empresas exercen sobre o leite galego, articulando mesas de negociación
entre productores, industria e distribución semellantes as que se deron en
paises vecinos como Francia.
Regulamento e Plan Económico
O pleno municipal tamén aprobou definitivamente o
Regulamento Orgánico do Concello de Oroso. A pesar de que foron atendidas varias
das alegacións presentadas polos grupos da oposición, como que non se inclúa a
prohibición de tomar fotografías dos documentos a consultar, todos eles
decidiron votar en contra do regulamento ao entender que debería ter sido máis
negociado con todos os grupos. Entre as alegacións que foron rexeitadas, e que
motivaron ese voto en contra, figura a posibilidade de aplicar medios
telemáticos á notificación dunha convocatoria plenaria. É dicir, que o Concello
de Oroso poderá convocar as sesións plenarias a través de correo electrónico,
aforrando o gasto do envío dunha carta certificada aos membros da corporación.
Sen necesidade de debate, o Pleno tamén aprobou o
Regulamento de creación, modificación e
supresión de ficheiros de
carácter persoal do Concello de Oroso (cos 12 votos a favor de PSOE, PP e BNG e
a abstención do Partido Galeguista) e o Plan
económico-financieiro para o exercicio 2012 (neste caso cos 12 votos a favor
de PSOE, PP e BNG e o voto en contra do Partido Galeguista).
Mocións
No turno de mocións tivo lugar a
anécdota do pleno, pois aprobouse unha moción presentada polo PP, e enmendada
polo Grupo de Goberno, co voto en contra do grupo municipal que a presentaba (o
Partido Popular). Inicialmente, o PP instaba ao Concello de Oroso a construír
unha senda peonil na parroquia da Marzoa e
citaba un recente accidente de principios de xullo como xustificación da
urxencia da medida.
Todos os grupos municipais,
incluído o propio PP, aceptaron retirar a referencia ao accidente por dúas
razóns: non utilizar políticamente un accidente e porque o accidente non tivo
lugar nin no lugar onde se solicitaban as sendas nin tivo como causa a ausencia
de sendas (xa que foi unha invasión de carril). Nese momento, o alcalde orosán
anuncioulle ao voceiro do PP, Xosé Manuel Balado, que “a estrada CP-3801 é da
excelentísima Deputación da Coruña, polo que nós non podemos ir facer obras aló
pois incluso sería ilegal. Vostede é empregado aló e debería sabelo”.
Manuel Mirás asegurou que
“xamais o Concello de Oroso fará unha senda peonil nunha estrada da Deputación,
pois é á institución provincial a quen lle corresponde facer esas obras”, polo
que propuxo un cambio na moción para instar á Deputación da Coruña a que
corrixa as deficiencias do trazado da estrada CP-3802 e constrúa unha senda
peonil do Carballal ata o Castro. Como o grupo popular non se opuxo á enmenda,
esta foi sometida a votación e saíu adiante cos 7 votos a favor do PSOE, dúas
abstencións do BNG e Partido Galeguista e os 4 votos en contra do Partido
Popular.
As demais mocións saíron adiante
co mesmo resultado: 9 votos a favor de PSOE, BNG e Partido Galeguista e 4 votos
en contra do Partido Popular. Así se aprobou unha moción socialista que pide a
retirada da Lei de Augas, que o
concelleiro Luís Rey sinalou que “só serve para crear un imposto”, e pedir a
elaboración dun novo texto en consonancia coa Directiva Marco da Auga e de
acordo cos concellos.
Así mesmo, aprobáronse catro
mocións do BNG, todas elas relacionadas cos últimos recortes realizados ou
anunciados polo Goberno Central. Así, o Concello de Oroso instará ao Goberno a
retirar as súas medidas para reducción de concelleiros e
solicitará a eliminación das Deputacións Provincial. Unha moción enmendada polo
Partido Socialista para pedir tamén unha defensa da autonomía municipal.
Outra moción nacionalista
enmendada polo grupo socialista foi a relacionada coa educación, “que non é un gasto senón un
investimento de futuro”, explicou o concelleiro do BNG, Xosé Manuel Pérez. Así,
o Concello de Oroso insta á Xunta a eliminar a concentración de alumnos de
infantil e primaria, modificar a política educativa para garantir unha
educación pública e de calidade e dotar dos recursos materiaris e humáns
necesarios aos alumnos de Oroso.
A terceira moción do BNG
rexeitou os recurtes nas partidas de fomento do emprego e
promoción da cooperación cos concellos; mentres que a última moción da noite
foi de rexietamento ao chamado “medicamentazo”, onde
Xosé Manuel Pérez indicou que “pedimos a supresión do copago farmacéutico que,
se viñese solo, podería ser discutible pero vén da man da suba do IBI, do IVE,
da electricidade...”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario