O GRUPO SOCIALISTA DENUNCIA QUE SANTIAGO AMOR SE SALTA A
LEXISLACIÓN VIXENTE PARA TRATAR DE AGOCHAR A DIVISIÓN INTERNA DO PARTIDO
POPULAR
O PSOE estudará presentar unha denuncia diante da presunta ilegalidade
cometida polo alcalde de Ames, que pechou un punto da orde do día sen a
correspondente votación, tal e como indica a Lei
Miñones esíxelle a Santiago Amor que “xa que lle pide un esforzo á
ciadadanía, sexa o primeiro en dar exemplo baixando nun 60% unha das
dedicacións exclusivas, retire un persoal de confianza e elimine o cobro
retroactivo do lixo”
Os socialistas consideran que os Orzamentos do PP “só inclúen importantes
recortes en política social e servizos á cidadanía, e subidas de impostos e
taxas”
O grupo socialista de Ames estudará denunciar
nos xulgados a actuación do alcalde, Santiago Amor, durante a última sesión
plenaria, na que deixou sobre a mesa un punto da orde do día sin a preceptiva
votación do pleno municipal. “Entendemos que o señor Amor se saltou a
lexislación vixente para tratar de agochar a división interna do Partido
Popular, evidenciada na ausencia de tres concelleiros que o deixaban en minoría
para sacar adiante os orzamentos de 2012”, explica o voceiro municipal
socialista, José Miñones.
Unha actitude que os socialistas consideran “unha
total falta de respecto ao pleno municipal e un ataque aos nosos dereitos como
concelleiros da oposición por parte dun alcalde ao que lle gusta xogar coas
cartas marcadas”. De feito, sinala que “a ausencia de tres concelleiros na
sesión evidencian a división interna do Partido Popular, pero é que entre os
presentes tamén había concelleiros que denunciaran en Comisión o seu
descontento coas contas do seu partido e non confirmaran o seu voto favorable”.
Os socialistas lembran que as sesións plenarias
réxense polo “Real
Decreto 2568/1986, de 28 de noviembre, por el
que se aprueba el Reglamento de organización, funcionamiento y régimen jurídico
de las Entidades locales”, que no seu artigo 92.1 indica textualmente: “Cualquier
concejal podrá pedir, durante el debate, la retirada de algún expediente
incluido en el orden de día, a efecto de que se incorporen al mismo documentos
o informes, y también que el expediente quede sobre la mesa, aplazándose su
discusión para la siguiente sesión. En ambos casos, la petición será votada,
tras terminar el debate y antes de proceder a la votación sobre el fondo del
asunto. Si la mayoría simple votase a favor de la petición no habrá lugar a
votar la propuesta de acuerdo”.
Neste sentido, Miñones lembra que o alcalde non
ten potestade para deixar sobre a mesa, ou eliminar un punto da orde do día,
unha vez que se ten iniciado o debate dese punto pois, como asegura a Lei,
a decisión correspóndelle ao pleno municipal. “A proba evidente de que
estabamos debatindo sobre os orzamentos é que presentamos dúas enmendas sobre
os mesmos”, sinala o voceiro municipal socialista. Para Xosé Miñones, a
actitude de Santiago Amor “é antidemocrática e a propia dalguén acurralado
polas divisións internas do seu propio partido que, ante a posibilidade de
perder unha votación, non dubida en saltarse as normas á súa conveniencia”.
Peticións do
PSOE e Ames Novo
Miñones lembra que as enmendas presentadas por
PSOE e Ames Novo, nas que Santiago Amor se escuda para tentar xustificar a súa
actuación, incluían propostas asumibles e en beneficio da veciñanza amiense.
“Xa que dende o Partido Popular non deixan de pedirlles un esforzo á cidadanía
con recurtes e máis recurtes, pensamos que o Goberno de Ames ten que dar
exemplo baixando nun 60% unha das dedicacións exclusivas que ten, quitando un
posto de confianza e eliminando o cobro retroactivo da taxa do lixo”, explica
Xosé Miñones.
Os socialistas lembran que na actualidade o grupo
de Goberno de Ames creou tres postos de confianza, dous máis que o Goberno
anterior. “Pedirlles que eliminen un non é tan grave, aínda así seguirán tendo
o dobre que tiñamos os socialistas”, sinala o voceiro municipal do PSOE.
Ademais, solicitan que se contabilicen os 490.000 euros de aforro
correspondentes á supresión da paga extra de decembro. “Deste xeito, estamos
falando de que o superávit do Concello de Ames se achegaría ao millón de euros”,
sinala Xosé Miñones, quen denuncia que “ningún veciño de Ames podería entender
que se lle recurten servizos e se lle suban taxas e impostos mentres o Concello
ten un superávit dun millón de euros”.
Recurtar
servizos, subir impostos
En canto aos orzamentos propiamente ditos, os
socialistas consideran que “non aportan nada novo. Non hai ningún novo servizo,
pois só inclúen importantes recurtes en política social e servizos á cidadanía
acompañadas de importantes subas de impostos e taxas”, explica a voceira
socialista Patricia Conde. Así, denuncia os fortes recortes en política social
e servizos que se exemplifican en:
-
un descenso de 228.000 euros na partida destinada
a benestar social
-
un recurte de case 200.000 euros en servizos
sociais
-
un importante ataque á formación e emprego dos
amienses, partidas que contemplan unha reducción de 422.000 euros
-
un desplome de 700.000 euros en cultura
-
un recurte de 219.000 euros en deportes
-
e unha caída do 50% do orzamento en materia de
medio ambiente.
Patricia Conde considera que os Orzamentos de 2012
“non recollen nin proxectos nin ideas novas, só reducir e reducir a costa dos
veciños de Ames, mentres lles suben a presión fiscal”.
Falla de
diálogo e incumprimento de prazos
Así mesmo, Patricia Conde lamentou a falta de
diálogo amosada polo Concello de Ames na tramitación destes orzamentos.
“Despois de tantas peticións para que se entregase a documentación con tempo
aos grupos municipais, ao final só tivemos dúas tardes para preparar o debate
máis importante do ano”, denuncia Patricia Conde, quen lembra tamén que
“Santiago Amor rompeu coa tradición de convocar a Xunta de Portavoces o que,
unido á súa actuación no pleno, demostra que non quere chegar a ningún tipo de
acordo nin escoitar ningunha proposta por parte da oposición”. Pretender
xustificar a retirada dos orzamentos da sesión plenaria na busca dun maior
diálogo coa oposición, non deixa de ser un exercicio máis de demagoxia.
Ademais, os concelleiros socialistas recordan que
os orzamentos de 2012 chegan con algo máis dun ano de retraso e sen que se teña
presentada a liquidación da conta, dúas cuestións que o señor Amor criticaba
con vehemencia cando estaba na oposición pero que agora é o primeiro en
incumprir dende a Alcaldía.
Ningún comentario:
Publicar un comentario