Teo - o pleno de xullo debatirá sobre o regulamento do voluntariado


O PLENO DEBATE O REGULAMENTO DE ACCIÓN VOLUNTARIA DO CONCELLO, QUE PERMITIRÁ A POSTA EN FUNCIONAMENTO DUN PROGRAMA DE VOLUNTARIADO SOCIAL A PARTIR DE SETEMBRO 

·        A corporación solicitará a desafección da escola unitaria de Bamonde, o que facilitaría o seu uso para programar actividades
·        Na sesión debateranse dúas mocións do BNG sobre a supresión do copago farmacéutico ás persoas pensionistas e outra contra a supresión de aulas e concentración de alumnado



A corporación teense reúnese este xoves 26 de xullo para celebrar a sesión ordinaria do pleno deste mes. O debate comezará ás 20:00 horas, no horario de tarde habitual, para facilitar a asistencia das persoas interesadas. Celebrarase no salón de sesións da Casa Consistorial, na Ramallosa, con dez puntos na orde do día.

Un dos puntos con máis impacto social será o debate sobre o Regulamento interno de acción voluntaria. Trátase de aprobar a estrutura normativa para que o Concello se dea de alta como entidade de acción voluntaria. Esto permitirá a posta en marcha de diferentes programas de voluntariado en Teo en ámbitos que poden ir dende o social ata o voluntariado medioambiental, cultural ou deportivo. Ignacio Iglesias, concelleiro de Participación Cidadá destaca que de aprobarse esta norma facilitará “que comecemos a traballar a partir de setembro nun programa de voluntariado social que contempla accións que irán dende o acompañamento de persoas, o apoio a actividades de educación familiar ou atención no roupeiro municipal”. O edil destaca que o voluntariado non substituirá actividades e traballos remunerados. Este documento non regula o voluntariado de Protección Civil que atende a outra normativa e en Teo está regulado dende hai tempo, xa que conta cunha Agrupación de Voluntarios de Protección Civil.

O grupo de goberno teense tamén leva a proposta para solicitar por parte da Consellería de Educación a desafección da escola unitaria de Bamonde que non funciona como tal dende hai dous cursos. Deste xeito este local podería usarse como local social nunha parroquia de 225 habitantes que precisa de espazos públicos. Esta iniciativa continúa coa política municipal de por en valor locais que deixaron de usarse para o ensino como por exemplo a escola de Francos converténdoos en espazos de uso público.

Outros puntos da orde do día recollen a petición que o Consello Escolar Municipal lle fai á Consellería de Educación de melloras nos centros escolares de Teo. Neste senso o alcalde de Teo, Martiño Noriega e a edil de Educación, María Álvarez Garea, mantiñan un encontro a semana pasada co Xefe Territorial de Educación, Indalecio Cabana, para tratar este tema. A xuntanza rematou co compromiso por parte da Xunta de realizar investimentos nos centros priorizando aqueles aspectos establecidos como máis importantes para a comunidade escolar e o Concello.

O pleno tamén debe acordar a concesión da bonificación da cota tributaria do ICIO para a obra de “Ampliación do CEIP da Igrexa en Calo” que acometerá o departamento de Educación Autonómico. Trátase da obra dun aulario de infantil cun investimento de preto dun millón de euros que solucionará os problemas de espazo no centro escolar.

O grupo municipal do BNG presentou dúas mocións nas que solicita a supresión do copago farmacéutico para as persoas pensionistas e outra contra a supresión de aulas e concentración de alumnado de infantil e primaria.

Orde do día do pleno:
  1. Aprobación da acta da sesión do 28.06.12.
  2. Dar conta das resolucións da alcaldía (da 402/12 á 499/12).
  3. Ditame da proposta da alcaldía para instar á Consellería de Educación, a petición do Consello Escolar Municipal, para que acometa as necesarias obras de reforma e mellora dos centros escolares do Concello.
  4. Ditame da moción do grupo municipal do BNG contra a supresión de aulas e concentración de alumnado de infantil e primaria.
  5. Ditame da proposta da alcaldía para solicitar á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia a desafectación da escola unitaria de Bamonde.
  6. Ditame da proposta da alcaldía de aprobación inicial do regulamento interno de acción voluntaria do Concello de Teo.
  7. Ditame da moción do grupo municipal do BNG para a supresión do copago farmacéutico ás persoas pensionistas.
  8. Ditame da proposta da alcaldía de concesión de bonificación de cota tributaria do ICIO pola obra de “Ampliación do CEIP A Igrexa en Calo”.
  9. Mocións.
  10. Rogos e preguntas. 

Ningún comentario: