O CONCELLO DE OROSO INICIA A CONSTRUCIÓN DAS BEIRARRÚAS QUE UNIRÁN SIGÜEIRO COA GARDERÍA MUNICIPAL DA ULLOA EN MARZO 2012
As obras na marxe dereita da Avenida de Compostela executaranse por fases, de xeito que o tramo urbano estará rematado en dous meses
17 de outubro de 2011.- O Concello de Oroso vén de iniciar as obras de construción das beirarrúas que unirán Sigüeiro coa gardería municipal da Ulloa seguindo a marxe dereita da Avenida de Compostela (N-550), concretamente entre a rúa do Portiño e a devandita escola infantil municipal. Unhas obras incluidas na modificación do proxecto de acondicionamento da intersección da N-550, un proxecto que ten un orzamento total de 579.000 euros e cuxa modificación foi aprobada polo pleno municipal o pasado mes de setembro.
O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, explica que “empezamos as obras na zona máis urbana de Sigüeiro e despois imos continuar seguindo a marxe dereita da N-550 ata a rotonda e, dende aí, ata a gardería da Ulloa”. Mirás Franqueira calcula que “os traballos na avenida de Compostela estarán rematados nun prazo duns dous meses, mentres que agardamos que as beirarrúas cheguen á gardería municipal en marzo de 2012”. E é que esta última fase das obras será máis complicada, pois ademais das beirarrúas está proxectado un muro que as ampare do talud que hai actualmente na zona.
Características dos traballos
Os traballos que se están a executar nestes momentos consisten na reposición e construción de beirarrúas na marxe dereita da avenida de Compostela. “Eran unhas beirarrúas que en moitos casos estaban moi mal, con moitos desniveis. Agora non só imos rematar coas barreiras arquitectónicas, senón que imos mellorar o aspecto da zona, incluindo unha zona axardinada e unha parada do autobús máis ampla”, sinala o alcalde orosán.
A día de hoxe, os traballos comezaron no tramo comprendido entre a oficina de Correos e a rúa do Río Maruzo. Aquí estase a utilizar as prazas de aparcamento para o tránsito provisional dos peóns mentres duren os traballos. Unha vez rematadas as obras, estas prazas de parking recuperaranse. Estas beirarrúas non só mellorarán a seguridade viaria daqueles pais e nais de Sigüeiro que desexen levar camiñando aos seus cativos á gardería municipal da Ulloa, senon que tamén permitirán humanizar esta zona da capital municipal.
Ademais destes traballos, a modificación do proxecto de acondicionamento da intersección da N-550 inclúe tamén a instalación de novas sinais direccionais e de seguridade para os viandantes da avenida de Compostela e unha serie de canalizacións de augas pluviais, ademais da rotonda xa construída.
Ningún comentario:
Publicar un comentario