O próximo domingo celébrase a XII Carreira Pedestre Popular Concello de Ames
O vindeiro xoves día 20 remata o prazo para inscribirse na carreira
Ames, 17 de outubro de 2011. O paseo fluvial de Bertamiráns será o escenario da XII carreira Pedestre Popular Concello de Ames que se celebrará durante a mañá do vindeiro domingo 23 de outubro. A carreira pedestre amiense é un evento consolidado que atrae cada ano a centos de atletas de toda Galicia. Os interesados en formalizar a súa matrícula para participar neste evento deportivo teñen ata o vindeiro xoves día 20 para poder facelo nas direccións inscricionsFGAsantiago@gmail.com e deportes@concellodeames.org.
Os atletas que van participar na décimo segunda edición da Carreira Pedestre Popular Concello de Ames teñen a súa cita o 23 de outubro para disputar unha das mellores probas deportivas que se celebran no termo municipal amiense. Cada ano que pasa a afluencia de deportistas é maior e nas rúas de Bertamiráns xúntanse un gran número de persoas que gozan practicando este deporte.
Os corredores tomarán a saída ás 11.00 horas da mañá dende o paseo fluvial de Bertamiráns. Para poder participar, as persoas inscritas deberán recoller o seu dorsal ata media hora antes de que comece a proba na que participan. Os dorsais estarán depositados na secretaría da organización situada no paseo fluvial de Bertamiráns. Os participantes deberán ademais colocarse na zona de saída 10 minutos antes do comezo de cada proba.
O Percorrido e a distancia da carreira varían segundo a categoría e a idade dos participantes. A traxectoria máis longa ten 7.500 metros e será a que sigan os corredores das categorías xuveni-junior, promesa-sénior, e dos diferentes grupos de veteranos. Os participantes das categorías infantil e cadete terán que correr nun circuíto de 2.500 metros, os alevíns de 1.500 metros, os benxamíns e prebenxamíns seguirán unha ruta de 500 metros.
O Control da carreira estará a cargo do comité de xuíces e cronometradores da Federación Galega de Atletismo na Delegación de Santiago de Compostela. Recibirán trofeos os tres primeiros clasificados de cada categoría, masculinos, femininos e tamén os tres primeiros absolutos masculino e feminino.
Ningún comentario:
Publicar un comentario