Brión – a probación do plan de obras e servicios 2012

O PLENO DE BRIÓN APROBA POR UNANIMIDADE INVESTIR 94.000 EUROS DO POS 2012 EN MANTEMENTO E MELLORA DE VÍAS E BEIRARRÚAS EN TODAS AS PARROQUIAS

Os outros 140.479 euros sufragarán gasto corrente en materia de limpeza viaria, recollida de lixo e alumeado público

O pleno aproba por unanimidade deixar de pertencer á Fundación Refuxio de Animais de Santiago e recoller os animais a través dunha empresa de servizos

19 de outubro de 2011.- O pleno municipal de Brión aprobou por unanimidade a proposta da Alcaldía sobre o Plan de Cooperación ás Obras e Servizos de Competencia Municipal 2012 (POS 2012), que no caso de Brión ascende a un total de 234.132,64 euros. Unha proposta que destina o 60% do plan (140.479 euros) a gasto corrente e o 40% restante (93.653 euros) a obras de nova realización.

Así, eses 140.479 euros adicaranse a financiar gasto corrente do Concello de Brión en materia de alumeado público, recollida de lixo e gastos de limpeza viaria. O alcalde de Brión, Xosé Luís García, explicou que os outros 93.653 euros, dos que o Concello de Brión terá que aportar 17.900 euros, “destinaranse a dous proxectos de mantemento e mellora da rede viaria (77.255 euros) e de remodelación e reparación de beirarrúas (34.300 euros) de xeito que haberá obras de mantemento en todas as parroquias de Brión”. A partida máis significativa, orzamentariamente falando, adicarase á segunda fase da remodelación das beirarrúas da parroquia de Bastavales.

Refuxio de animais

Os tres grupos municipais (PSOE, PP e BNG) tamén mantiveron a unanimidade á hora de aprobar a revogación do acordo plenario de 30 de xaneiro de 2006, polo cal o Concello de Brión se adhería á Fundación Pública Refuxio de Animais de Santiago de Compostela por un periodo de dez anos. O secretario municipal deu lectura a un informe que recollía os elevados gastos que a pertenza a esta fundación acarrexaban para as arcas municipais, pois se tiña que aboar unha cuota fixa cuatrimestral de case 3.800 euros, á que había que sumar o custo por cada animal que se recollese (unha media de 34 euros por animal, vivo ou morto).

Os tres grupos municipais coincidiron en sinalar que os gastos que acarrexaba pertencer a esta fundación eran elevados, sobre todo nesta situación de crise económica na que é preciso recurtar gastos, polo que acordaron prestar este servizo dun xeito máis eficiente a través dunha empresa de servizo, á que se lle pagaría por animal recollido. Xosé Luís García explicou que, aínda que o Refuxio de Animais de Santiago de Compostela deixará de prestar este servizo a 31 de outubro, “os veciños e veciñas de Brión non van notar ningún tipo de cambio na prestación deste servizo, pois asinaremos o contrato coa nova empresa antes de rescindir o acordo coa Fundación”.

Mocións do BNG e pesar pola morte de Baleato

Finalmente, na parte de control aprobáronse as dúas mocións presentadas polo BNG, en ambos casos cos 8 votos a favor de PSOE e BNG e cos 3 votos en contra do PP (na sesión non estaban presentes 1 concelleira socialista e 1 concelleira do PP). Deste xeito, o pleno acordou que o Concello de Brión se dirixirá á Xunta de Galicia para solicitar o mantemento das axudas á Normalización Lingüística e tamén pedir que a revisión do valor dos bens inmobles se faga do xeito máis riguroso posible para evitar subidas de impostos esaxeradas aos veciños.

Antes do inicio da sesión ordinaria, o alcalde de Brión, Xosé Luís García, tomou a palabra para propoñer un acordo aos grupos municipais de PP e BNG para transmitir o pesar da corporación municipal pola morte de Juan Manuel Baleato, que durante 20 anos foi alcalde da localidade veciña de Val do Dubra. Un pesar que se lle fará chegar a familia de Baleato Iglesias.

Ningún comentario: