BNG Ames – suba desmesurada dos comedores escolares

O BNG de Ames denuncia a suba desmesurada dos comedores escolares que propón

o goberno Popular

Pilar Candocia: "Os comedores de Ames son un servizo exemplar pola súa calidade e garantía da boa alimentación das nosas nenas e nenos; axuda a que aprendan a comer e que as familias concilien o traballo e a vida familiar. O PP sobe os prezos de forma desmesurada e bota por terra un exemplo de servizo, un dos logros da cidadanía de Ames mellor valorados"

Ames (21.10.2011) O goberno Popular de Ames trasladou unha proposta ao Pleno municipal na que se recolle a suba de máis dun 50% dos prezos dos comedores escolares. En concreto a tarifa pasaría dos 70 € actuais a 110 € mensuais por usuario para o curso 2011-2012 para a maioría das familias.

No Pleno municipal do xoves da semana que vén, 27 de outubro, abordarase a modificación das Ordenanzas fiscais e reguladoras de prezos públicos para o ano 2012, que foron tratadas hoxe en comisión. Na maioría dos impostos, taxas e prezos públicos o goberno propón a actualización das tarifas, o que supón en case todos os casos o aumento do 3,1% do IPC. Pero o goberno Popular fai unha importante excepción coas taxas pola prestación dos servizos educativos complementarios, que chegan a subir un 57% no caso dos comedores escolares. No seguinte cadro resumimos as principais modificacións:

Comparativa das tarifas actuais e das tarifas propostas do Partido Popular (prezo por usuario e mes)

 

Prezo actual

(curso 2011-2012)

Proposta do PP

(curso 2012-2013)

Comedores escolares

70 €

110 € (*)

Bos días cole

40 €

60 €

Tardes divertidas (básico)

50 €

75 €

(*) Esta é a cifra determinada para as unidades familiares que superen o 200% do IPREM (532,51 € mes no 2011), que no caso da Ames son a maioría das familias.

Os servizos educativos complementarios (comedores, bos días cole, tardes divertidas, programas lúdicos...) convertéronse en Ames nun auténtico logro social, moi valorado polas familias. O seu valor reside na calidade alimenticia, na súa función educativa, así como no servizo de conciliación que permite as familias compatibilizar a súa vida laboral e familiar. Foi Pilar Candocia como concelleira de Educación quen iniciou este servizo, ao que dificilmente renunciaría a cidadanía de Ames dado o grande apoio social co que conta. Cando o anterior goberno Socialista intentou subir os prezos -en menor contía que o actual- a oposición das familias foi tan forte que conseguiron botar abaixo a súa pretensión; naquel momento Santiago Amor era unha das voces máis críticas coa subida.

O Partido Popular quere facer agora no goberno aquilo ao que se opoñía antes de entrar no goberno. O goberno Popular incumpre a palabra dada, e fai o contrario do proposto hai tan só uns meses.

Ademais da suba proposta o goberno tamén está explorando o cambio de modelo dos comedores. Ao longo deste mes os Populares estiveron falando con diferentes ANPA para solicitarlles colaboración voluntaria na atención das nenas e nenos durante o xantar. O BNG aprecia por baixo desta manobra o obxectivo de modificar o modelo profesional actual para retornar ao modelo anterior, utilizando ás ANPA para desenvolver o servizo e transferir a responsabilidade.

Para o BNG isto suporía un salto atrás no servizo e unha seria complicación para as ANPA e as familias. O modelo dos comedores de Ames é unha referencia de calidade. A calidade profesional que proporciona o equipo de cociñeiras/os e monitores/as expresamente cualificados, garante o bo desenvolvemento do servizo, a educación de hábitos alimenticios e, en xeral, a tranquilidade das familias.

Ningún comentario: