MIRÁS: “O QUE É UNHA BARBARIDADE É QUITAR UN MERCADO QUE LEVA MÁIS DE 130 ANOS EN SANTIAGO”
O alcalde orosán lembra que a proposta, aprobada por unanimidade no pleno municipal, defende a continuidade do mercado en Santiago e que se trata “dunha opción máis para que o mercado quede na comarca”
20 de outubro de 2011.- O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, considera totalmente fora de lugar as declaracións do alcalde de Lalín, Xosé Crespo, sobre o ofrecemento dunha parcela como posible ubicación do mercado de gando de Amio, no caso de que este desapareza de Santiago. Mirás Franqueira lembra que “Oroso non está facendo poxa con ninguén, pero hai que enterarse ben das cousas antes de falar xa que nós o que aprobamos en pleno, co apoio unánime de todos os grupos políticos, foi solicitar que o mercado de gando permaneza en Santiago. De non ser así, preferimos que queda na zona e por iso ofrecemos esa parcela”.
Segundo Manuel Mirás, “non é cuestión de localismos, pero o que é unha barbaridade é querer quitar un mercado que leva máis de 130 anos en Santiago”. Por iso, asegurou que “nós a quen defendemos é aos produtores gandeiros da zona, pois entre as comarcas de Santiago e Ordes hai milleiros de explotacións. Non temos ningún outro tipo de interese, nin de colocar a parcela como parecen insinuar algúns. Simplemente estamos ofrecendo unha opción máis a considerar se o mercado marcha de Amio, pero a nosa aposta firme é que siga onde estivo os últimos 130 anos”.
Mirás Franqueira sinala que “o que estamos temendo é que ao final imos quedar sen mercado en Santiago e en ningún outro sitio. Algúns falan e falan de aforrar, pero ao final o que están facendo é acabar con todo. Esperemos que co mercado non pase o mesmo que coa fusión das Caixas, que tamén ía ser todo un éxito e non había problema ningún, e a realidade é que ao final foi un fracaso porque xa non existe ningunha das dúas caixas”.
O alcalde orosán lembra que “a feira de Amio dálle un movemento importante a esta zona, non só para os gandeiros senón que tamén beneficia de xeito indirecto a outros sectores como hostalería, restauración, etc polo que sería unha mágoa que desaparecera. Por iso nós imos defender con todas as nosas forzas que quede en Santiago”.
A proposta, aprobada por unanimidade de todos os grupos municipais de Oroso (PSOE, PP, BNG e Partido Galeguista) o pasado 29 de setembro, insta ao Concello de Santiago de Compostela a que non deixe desaparecer o mercado de gando de Amio, por considerar que suporía un grave perxuicio económico á comarca. No caso de non quedar en Santiago, a corporación municipal orosán ofreceu unha parcela de 10.598 metros cadrados no futuro polígono industrial San Martiño II (a carón da N-550 e da AP-9) como unha posible ubicación para esta feira de gando.
Ningún comentario:
Publicar un comentario