Silleda logrou axilizar permisos urbanísticos no último mes coa concesión dunha quincena de licenzas de obra menor e a resolución doutros expedientes acumulados
A incorporación do arquitecto municipal reforzou o departamento municipal, que logrou sacar adiante casos que mesmo levaban varios anos de retraso
Silleda, 17 de outubro de 2011. O departamento municipal de Urbanismo vén de reactivarse no último mes coa resolución de distintos expedientes. Así, concedéronse un total de 15 licenzas de obra menor, correspondentes a actuacións como a realización de peches ou retellados de vivendas. Nos últimos días, tamén se lle deu luz verde a outros expedientes de obra menor, que están a piques de resolverse e que se sumarán aos citados.
“Estamos a falar dun número significativo de expedientes resoltos que se debe en gran parte á reactivación do departamento que supuxo a incorporación do arquitecto hai agora un mes”, sinala a alcaldesa e concelleira de Urbanismo, Paula Fernández Pena. Na resolución destas licenzas destaca tamén o feito de que nalgún caso, as solicitudes veciñais estaban sen resolver dende o ano 2009.
Ás licenzas de obra menor, súmanse outras 4 de obra maior, outorgadas para actuacións en explotacións agrarias e tamén en distintas empresas, e outras actuacións como a supervisión de proxectos municipais, ou a apertura de informes de disciplina urbanística. Así mesmo, no balance destas últimas semanas hai que incorporar os centos de consultas que se atenden a diario no departamento municipal de Urbanismo. Os veciños acuden a este servizo a interesarse polas posibilidades de restauración das súas vivendas, cuestións relacionadas co PXOM, no que tamén se segue a traballar para remitir de novo á Xunta nas vindeiras semanas, ou formalizar denuncias.
“Con este balance queda claro que a contratación do novo técnico estaba máis que xustificada para revitalizar un dos departamentos municipais que rexistran un maior volumen de traballo”, engade Paula Fernández, tendo en conta tamén que se están a tramitar expedientes de legalización de naves e vivendas ao amparo da reforma da Lei do Solo. Nestes momentos hai en curso 12 expedientes para declarar fóra de ordenación outras tantas edificacións que os seus propietarios queren poñer ao día en virtude da citada normativa autonómica.
Ningún comentario:
Publicar un comentario