Teo – curso de coidadores de persoas con Alzheimer

TRINTA PERSOAS PARTICIPARÁN NO CURSO PARA COIDADORES DE PERSOAS CON ALZHEIMER QUE SE REALIZA EN TEO COA COLABORACIÓN DE AGADEA

· A xornada inaugural será este luns 24 de outubro na Casa Común de Calo, e contará coa presenza do doutor Alfredo Robles Bayón, director da unidade de neuroloxía cognitiva do hospital A Rosaleda

· Nesa mesma xornada o Concello e Agadea formalizarán un convenio de colaboración que permitirá seguir traballando na atención a doentes de alzheimer e outras demencias

21 de outubro de 2011. O curso para coidadores de persoas con alzheimer que se imparte en Teo a partir da semana próxima contou cunha magnífica acollida, anotándose un total de 30 persoas ata este momento. Esta actividade está organizada por Agadea (Asociación Galega para Axuda dos Enfermos con Demencia tipo Alzheimer) en colaboración co departamento de Benestar do Concello de Teo, dirixido por Ignacio Iglesias.

A xornada inaugural deste curso, que se desenvolverá en oito sesións en outubro e novembro polas tardes, contará coa presenza do doutor Alfredo Robles, director da unidade de neuroloxía cognitiva do hospital A Rosaleda. Nesta conferencia inaugural, que se impartirá no salón da Casa Común da Igrexa- Calo a partir das 19:00 horas, abordarase o concepto, evolución e tratamento farmacolóxico da enfermidade do Alzheimer. Cabe destacar que para asistir a esta primeira xornada non hai que estar inscrito/a no curso e pode asistir calquera persoa interesada no tema.

Durante as 24 horas que durará este curso profesionais especializados na atención a estes doentes como psicólogos/as, enfermeiros/as, avogados/as, ou traballadores/as sociais tratarán diferentes temas relacionadas coa atención ós enfermos/as. Aspectos prácticos como a organización e a planificación da vida diaria, a hixiene bucodental don dependentes serán temas que se tratarán xunto con outros máis xenéricos como as cuestións legais a ter en conta diante da demencia ou os recursos sociais e os programas de Agadea.

Colaboración futura

O próximo luns tamén se asinará un convenio de colaboración entre o Concello de Teo e Agadea que permitirá seguir traballando na atención a persoas con este tipo de demencias. Segundo explica o concelleiro Ignacio Iglesias “esta liña de traballo conxunto ten obxectivos concretos a curto prazo como as Aulas de estimulación integral que se porán en marcha no Concello, permitindo a prevención ademais de mellorar a calidade de vida das persoas afectadas de deterioro cognitivo e ás súas familias e coidadores”.

O convenio será asinado polos representantes das dúas entidades, o alcalde de Teo, Martiño Noriega, e María Isabel Gey, presidenta de Agadea.

Ningún comentario: