O BNG presentará alegacións á ordenanza municipal que acaba de aprobar o PP, e invita a todos os estradenses a facer o mesmo
Por culpa do PP a partir do 1 de xaneiro os estradenses da vila e do rural pagarán un 60% máis no recibo do IBI e os veciños da vila tamén pagarán máis pola auga que consuman
A Estrada, 14 de outubro de 2011: O BNG da Estrada celebrou hoxe unha reunión informativa sobre a suba de impostos efectuada polo goberno municipal do Partido Popular. O acto, que estivo presidido polo portavoz municipal do BNG, Xosé Magariños, e polo Responsábel Local do BNG, Xosé Manuel Baños, levouse a cabo na tarde-noite de hoxe, na Sala de Exposicións de Caixa Nova.
Xosé Magariños indicou que “malia que o PP, que ten maioría absoluta, aprobou unha suba de impostos do 60%, que afectará a todos os estradenses, vivan no rural ou vivan na vila, o BNG non se vai quedar de brazos cruzados”.
O concelleiro nacionalista afirmou tamén que “se o PP pensaba que superado o trámite do pleno de onte xa todo estaba resolto, están enganados, no BNG, como fixemos en 2004, non daremos a batalla por perdida”. “Non pode ser que, neste contexto de crise económica, con altas taxas de desempregados, con peches de negocios e comercios, veña o PP a facernos máis difícil o día a día cunha subida de recibo da contribución dun 60%”, engadiu Xosé Magariños.
“Pero non é só a subida do IBI do 60% o que teremos que pagar a maiores os estradenses en 2012,”, explicou o portavoz do BNG, “xa que a partires do 1 de xaneiro do vindeiro ano a auga na vila da Estrada tamén nos sairá máis cara, con subidas do 151% ou do 59%, dependendo do número de persoas e o consumo de cada casa, por mor da Lei de Augas aprobada polo PP no Parlamento Galego, unha lei que contou co voto favorábel do actual alcalde da Estrada”.
Segundo Xosé Magariños “o PP presume de austeridade, de boa xestión e de que non soben os impostos, pero na Estrada xa temos experiencia abondo sobre as nefastas políticas do Partido Popular, onde fan xusto o contrario do que predican”.
“É falso que se diluíra a sobrevaloración reflectida na ponencia de valores; un informe encargado polo concello en 2007 reflicte o contrario” afirmou o concelleiro do BNG. “E é falso que o concello vaia deixar exentos ás rendas baixas ou con poucos ingresos, xa que este tipo de exencións non se poden recoller legalmente na ordenanza municipal”, explicou Magariños.
“Neste sentido”, engadiu o portavoz municipal do BNG, “porque consideramos unha inxustiza e unha traizón ao pobo da Estrada perpetrar esta subida de impostos do 60%, non só presentaremos alegacións contra esta ordenanza municipal, unha vez sea publicada no BOP, senón que invitaremos a todos os veciños e veciñas da Estrada a que fagan o mesmo”.
“Como dixen antes”, explicou Magariños, “non llo vamos a poñer fácil, e faremos todo que estea nas nosas mans para impedir que esta ordenanza aprobada polo PP entre en vigor e sexa de aplicación a partires do 1 de xaneiro”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario