Tordoia - pleno xaneiro

TORDOIA ÚNESE AO PROTOCOLO DA SECRETARÍA XERAL DE IGUALDADE E FEGAMP PARA A LOITA CONXUNTA CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO
O pleno tamén deu visto á renovación do convenio de colaboración coa Fundación Amigos de Galicia

O pleno municipal do Concello de Tordoia ven de aprobar a adhesión deste concello ao protocolo conxunto de loita contra a violencia de xénero que puxo en marcha a Secretaría Xeral de Igualdade en colaboración coa FEGAMP. Deste xeito o Concello de Tordoia pasa a formar parte da rede de entidades locais implicadas nas accións de sensibilización e loita contra a violencia sobre as mulleres. 

O protocolo permitirá promover no municipio proxectos de prevención da violencia de xénero, así como de detección precoz de condutas de risco e fomentar o trato igualitario entre homes e mulleres e traballar a prol da tolencia cero para os maltratadores. Segundo explicou o alcalde este acordo posibilitará que o concello participe no espazo virtual de intercambio de información, experiencias e boas prácticas que a Secretaría Xeral puxo en marcha o ano pasado, e que tamén inclúe actividades de sensibilización e prevención; información; formación e asistencia ás vítimas. 

No marco do pleno ordinario, tamén se procedeu á renovación do convenio de colaboración coa Asociación Amigos de Galicia, que desde o ano pasado atende ás familias do concello en peor situación económica. Antonio Pereiro explicou que a asociación a que o concello destina un importe de 1.075 euros, atende a entre 18 e 20 familias en situación precaria a través da entrega de paquetes de comida e produtos básicos que se lle fan chegar a través de Servizos Sociais do Concello de Tordoia. Os principais beneficiarios destas axudas son mulleres vítimas de malos trataos e familias monoparentais. 

Ningún comentario: