Teo - esta fin de semana comenza o entroido no concello

CACHEIRAS E SANTA MARÍA DE TEO ABREN O ENTROIDO ESTE ANO NO CONCELLO DE TEO
Os famosos atranques poderanse ver o sábado en Teo e o domingo en Cacheiras

Este ano os xenerais tardan en chegar ao Concello de Teo xa que haberá que esperar á fin de semana do sábado 9 e domingo 10 para ver a correos, xenerais e comparsas. E será como xa é tradición nas parroquias de Santa María de Teo o sábado e en Cacheiras o sábado e domingo. 

En Cacheiras saen dous días polo tamaño da parroquia pero o atranque será só o domingo no campo da festa en torno ás 20:00 horas. Pero antes dese peche tradicional os coros, carrozas e persoas a cabalo visitarán Montouto, a Póvoa, Cobas, a Barcia, Penelas, Tras do Eixo, as Noenlles, Procelas, a Torre, a Devesa, o Raxó onde se parará para facer un “alto”, Feros, O Sisto, Pedrouso, Vilar, Guldrís, Lamas, Montes, Solláns, As Laxes, Requián, a zona do instituto, a zona Igrexa, Sebe, a Pedra, Catro Camiños, As Pozas e Cacheiras. Será unha intensa fin de semana para a que xa están listos máis dun cento de persoas que participan activamente na organización do entroido neste parroquia de Teo. 

En Santa María de Teo sairán o sábado e será unha comitiva máis pequena. Pero intentarán durante toda a xornada pasar por todas as aldeas e estarán en lugares como Fontenlo, Noceda, Vilachaíño, Agromaior, Maios, Fontelo, Vilar e Campos. O atranque está previsto no campo da festa en torno ás 20:00 horas. 

Ningún comentario: