Teo - malestar polo retraso nas obras de ampliación da estación potabilizadora

O GOBERNO TEENSE AMOSA O SEU MALESTAR COA XUNTA POLA TARDANZA NO COMEZO DAS OBRAS DE AMPLIACIÓN DA POTABILIZADORA 
A corporación local aprobou a aportación municipal a esa obra en agosto do 2011, o que demostra que a responsabilidade da demora é da administración autonómica

A situación de infradimensionamento da potabilizadora é insostible e nestes últimos meses a situación vese agravada polo mal tempo

O goberno do Concello de Teo amosa o seu malestar coa Xunta de Galicia pola tardanza no comezo das obras de ampliación da potabilizadora. “É urxente que remate a tramitación administrativa e o comezo inmediato das obras para mellorar o suministro en Teo” explica o edil de Infraestruturas, Rafael Sisto. 

A obra de ampliación da ETAP de Pontevea é unha vella reivindicación do Concello de Teo e neste momento só queda que a Xunta dea comezo ós traballos. O censo de Teo aumentou de xeito evidente, mentras as infraestruturas de suministro de auga non tiveron o dimensionamento adecuado. Por iso é imprescindible realizar obras de ampliación, cun orzamento de preto dun millón de euros, para ampliar a capacidade de suministro da potabilizadora.

En agosto de 2011, hai máis de ano e medio, a Xunta comprometíase a realizar a obra e pedíalle ó Concello de Teo que asumise o 30% do custe desta ampliación. E a corporación local reuníase nun pleno extraordinario o 16 de agosto para comprometerse con este investimento. “Resulta irónico que convocáramos un pleno extraordinario pola premura da obra en agosto do 2011, e que xa no 2013 non teñamos unha data exacta para que comecen as obras” destaca Sisto. 

Unha vez comprometido a aportación local “e cos deberes cumpridos dende o Concello” a tramitación da contratación, adxudicación e xestión da obra depende da Xunta de Galicia. Dende o goberno local “esíxese que a obra comece de xeito inmediato”. “Hai tempo que rematou o prazo razoable para as escusas e dende Teo non facemos outra cousa que defender os intereses dos veciños e veciñas de Teo que son os que están tendo sufrindo as consecuencias da desidia da Xunta de Galicia” explica Sisto. 

O edil de Infraestruturas tamén explica que “falamos dunha obra cun período de execución de 10 meses e a tardanza na tramitación administrativa pode facer que os veciños e veciñas de Teo sigan sufrindo as consecuencias ata o inverno próximo”. 

As queixas pola turbidez da auga son habituais e nestas últimas semanas téñense incrementado xa que a situación da potabilizadora complícase co mal tempo.

Ningún comentario: