A SELECCIÓN DOS GAITEIROS GALEGOS QUE COMPETIRÁN POLO TROFEO MACCRIMON EN LORIENT REALIZARASE EN TEO EN ABRIL
Este concurso-selección está organizada pola Delegación Galega do Festival Intercéltico de Lorient e conta coa colaboración do Concello de Teo
As bases para participar xa se poden descargar da web municipal
A Delegación Galega do Festival Intercéltico de Lorient organiza un concurso-selección para elixir ós catro gaiteiros galegos que competirán polo trofeo MacCrimon neste prestixioso certame. A selección celebrarase o 21 de abril no Auditorio da Ramallosa ás 17:00 horas.
Neste momento xa está aberto o prazo para inscribirse e as bases así como a ficha de inscrición xa se poden descargar da web municipal www.concellodeteo.com. Tamén se pode obter información na páxina de facebook da Delegación Galega do Festival.
O concurso está aberto a todos os gaiteiros galegos ou aqueles que estando na diáspora teñan ascendencia galega. Esta selección ten como obxectivo elixir ós catro gaiteiros galegos que irán a Lorient en agosto, que será precisamente o premio, xa que non existe dotación económica. Os catro seleccionados viaxarán gratuitamente a Francia e disporán tamén de aloxamente e dietas gratis.
O 21 de abril en Teo escoitaranse como máximo 15 gaiteiros que tocarán sen acompañamento de percusión. Para facer a selección previa entre o total de inscritos terase en conta o currículum e a gravación de audio dunha peza galega de libre elección que hai que presentar en soporte CD acompañando a folla de inscrición.
O día do concurso cada participante interpretará repertorio galego de libre elección ademais dunha peza do repertorio asturiano e outro do repertorio bretón. Poderanse usar para cada unha das pezas a gaita tradicional galega, asturiana e bretona.
A data para anotarse neste concurso remata o 5 de abril. Os gaiteiros interesados deben enviar a folla de inscrición cuberta, o currículum e o cd de audio ó seguinte enderezo postal: Delegación Galega do Festival Intercéltico de Lorient. Apartado de correos 17. Cacheiras. 15883 Teo. A Coruña.
Ningún comentario:
Publicar un comentario