BNG Santiago - Rubén Cela pide que as "chapuzas" non retrasen as obras de Virxen Branca no Castiñeiriño

Rubén Cela pide que “as chapuzas do Goberno local do PP non atrasen as obras de urbanización da Virxe Branca, no Castiñeiriño”
“Se por algo se caracteriza o PP, ademais dos seus problemas coa Xustiza, é pola súa falta de rigor na xestión con consecuencias para a veciñanza”

“Empezar unha obra sen adxudicación e sen contrato é grave, pero o que sería gravísimo é que un concelleiro mentise publicamente sobre os traballos realizados até agora na Virxe Branca”

Santiago de Compostela, 6 de febreiro de 2013.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, demandou que as chapuzas deste Goberno local do PP non atrasen máis as obras de urbanización da Virxe Branca, no Castiñeiriño.

Rubén Cela comezou a comparecencia de prensa coa lectura de dous puntos do programa co que o PP se presentou ás pasadas eleccións municipais, que fan referencia á recuperación da “imaxe dos responsábeis políticos locais como servidores públicos por excelencia e garantes dun sistema aberto, transparente que se cinga á legalidade e sen fisuras” e ao “cumprimento estrito dos prazos na tramitación, presentación e execución dos documentos económicos”.

“Se por algo se caracteriza este Goberno local do PP, ademais de polos seus problemas coa Xustiza, é pola súa falta de rigor na xestión, por un xeito de gobernar totalmente chapuceiro que, ao final, remata pagando a cidadanía”, afirmou. 

A semana pasada, o grupo municipal do BNG presentou por rexistro unha pregunta para coñecer en que Xunta de Goberno se aprobou a contratación das obras de urbanización da Virxe Branca, no Castiñeiriño, que se iniciaron o 10 de xaneiro segundo anunciou o Goberno local de xeito oficial na web municipal.

“O concelleiro Juan de la Fuente dixo que estas obras non son as do proxecto de urbanización que están pendentes de adxudicar á Rosaleda, senón que se corresponden con empresas de servizos de canalización non incluídas no proxecto municipal”, explicou Rubén Cela, “mais as informacións que dispón o BNG non coinciden con isto, polo que consideramos imprescindíbel que se clarexe esta situación con urxencia”.

Deste xeito, o BNG rexistrou unha segunda batería de preguntas para coñecer que empresa realizaba eses traballos, baixo a encomenda de quen, se remataron xa as obras, por que se pararon, quen certificou que remataran e con que permisos contaban. “Agardo que nos poidan contestar satisfactoriamente a todo isto e que, se realmente non hai ningún problema, se executen as obras canto antes”, engadiu.

Rubén Cela sinalou tamén “que empezar unha obra sen adxudicación e sen contrato é grave, pero o que sería gravísimo é que un concelleiro mentise publicamente sobre os traballos realizados até agora na Virxe Branca”. “A mentira é o último recurso ao que teñen que recorrer os malos gobernos”, afirmou, “porque a mentira, máis cedo ca tarde, se volve contra quen a inventa”.

Solidariedade do BNG co persoal de limpeza e conserxaría sen cobrar
Rubén Cela tamén fixo mención ás declaracións da concelleira de Facenda sobre a modificación do orzamento prorrogado para 2013 para efectuar os pagamentos pendentes á empresa que presta o servizo de limpeza e conserxaría nos centros educativos.

É sintomático dun mal goberno que o alcalde, “a pesar de prometer que ían iniciar a tramitación dos orzamentos en outubro aínda non o fixese, a pesar de ter unha maioría absoluta non é capaz de sacar adiante asuntos ordinarios e a pesar de que ten unha concelleira de Facenda con dedicación exclusiva, unha directora de área de Facenda –posto que non existía no anterior goberno-, tres interventores e dous tesoureiros é incapaz de sacar en tempo e forma os orzamentos para 2013”, explicou.

“Se estamos nesta situación tan grave é por culpa do PP”, dixo, “pola irresponsabilidade da concelleira de Educación e do alcalde que no seu día non cumpriron as súas obrigas e, despois de faceren unha trapallada no proceso de contratación da limpeza dos centros educativos, cunha empresa que presta servizo sen contrato, sen recoñecer as súas facturas e de negárense a asinar o recoñecemento extraxudicial de crédito en decembro”.

Pola contra, lembrou que había outra empresa en situación semellante, ISS, que limpa as dependencias municipais que tampouco tiña contrato nin se lle pagaran as facturas, pero que lle fixeron o recoñecemento extraxudicial de crédito para poder cobrar as débedas do Concello.

“Se hai unha empresa sen cobrar é responsabilidade exclusivamente do PP, parécenos unha desfachatez que Cecilia Sierra diga que a oposición ten que valorar o esforzo que fai o grupo de Goberno, porque é un insulto á oposición, á cidadanía e, sobre todo, aos traballadores e traballadoras da empresa concesionaria deste servizo”, sinalou.

“Se hai que valorar algún esforzo é o dos traballadores e traballadoras que van traballar levando dous meses sen cobrar pola súa culpa, pola irresponsabilidade política e polo mal facer do PP”, engadiu.

Ademais, sinalou que en ano e medio, o PP fixo valer a súa maioría absoluta para todo o que quixo, para pasar o rodete por moitas das iniciativas que ten presentado o BNG e agora pide a axuda e a comprensión dos grupos da oposición. “O que lle preocupa ao BNG é que esas 55 familias cobren o antes posíbel e non faremos nada que o impida, iso teno garantido, mais a responsabilidade política do que aconteceu sabemos que é de Rebeca Domínguez e de Ángel Currás”, afirmou. 

Para Rubén Cela, a concelleira Cecilia Sierra debería pedirlles desculpas ás 55 familias que están sen cobrar polo servizo de limpeza e conserxaría nos centros educativos e, ademais, tramitar a débeda o antes posíbel. 
Ademais, o portavoz municipal nacionalista ofreceu a solidariedade do BNG aos traballadores e traballadoras e o apoio nas mobilizacións que teñen previstas.

Ningún comentario: