Os representantes do persoal e as seccións sindicais do Concello de Ames solicítanlle ao goberno municipal que manteña o Programa de Prevención de Drogodependencia
Os representantes do persoal e as seccións sindicais do Concello de Ames solicítanlle ao goberno municipal que realice es xestións que sexan oportunas tanto coa Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) coma coa Xunta de Galicia para que se sega prestando o servizo de prevención de drogodependencias que prestaba o Concello de Ames de forma conxunta cos concellos de Brión e Negreira. Outra alternativa é buscar a colaboración doutros concellos da comarca para ofrecer este servizo de xeito compartido que se veu facendo ata o de agora.
Dende a Xunta de Persoal e o Comité de Empresa defendemos a continuidade do Programa de Prevención de Drogodependencias que leva funcionando no noso concello desde o ano 2008. Cremos que é un programa básico e esencial na prevención do uso das drogas, sobre todo en nenos/as de idades comprendidas entre os 10 e os 19 anos. Por todos é sabido que o Concello de Ames dispón dunha poboación eminentemente xoven, xa que o rango de idade máis numeroso é o que abrangue entre os 20 e os 49 anos, cun total de 15.398 persoas censadas, o que supón máis do 51% da poboación amiense, que na actualidade se achega aos 30.000 habitantes.
Durante o pasado ano 2012, as actividades que se imparten dentro deste programa estiveron dirixidos a unha poboación total de 42.276 habitantes. Destes, os escolares entre 10 e 19 anos foron os máis beneficiados e cos que máis se traballou dende a prevención. Deste xeito,beneficiáronse 1.796 alumnos e alumnas dos nove centros de ensino de Educación Primaria e Institutos de Educación Secundaria dos tres concellos. O programa pretende así reforzar a protección dos rapaces fronte ao consumo de drogas e tratar de reducir os seus danos, promovendo actividades saudables. Estes rapaces e rapazas son o futuro da nosa sociedade.
A desaparición deste programa leva consigo o despedimento dunha profesional exemplar, que o amosou ao longo destes 4 anos nos 3 concellos, e que está avalada por 19 anos de experiencia traballando no eido das drogodependencias, incrementando un programa que tanto o Plan Nacional sobre Drogas como o Plan de Trastornos aditivos de Galicia consideran primordial.
Sempre se afirma que todo o que se invista en prevención e na ensinanza de hábitos de vida saudables son recursos que se aforran logo en asistencia, pero está claro que a actual Consellería de Sanidade, Consellería de Presidencia e Administración Pública e os concellos, non comparten este principio e, pese ás palabras da Conselleira de sanidade, Rocío Mosquera, non se fai unha aposta pola prevención, máis ben todo o contrario, semella que avanzamos cara ao desmantelamento da rede de prevención que tanto esforzo custou conseguir.
Plan de Trastornos Aditivos 2011-2016
Non ten ningún sentido que no 2011 se aprobara un Plan de Trastornos aditivos de Galicia ata 2016, ou unha Lei de Prevención do Consumo de Bebidas alcohólicas en menores, e logo non se garanta a continuidade dos recursos humanos e materiais necesarios para levar adiante as accións de prevención consideradas como prioritarias no Plan e encamiñadas a consecución deses obxectivos marcados pola propia Xunta de Galicia. Non se considera prioridade xusto agora, cando a crise económica que sufrimos debería alertar sobre un incremento nas adiccións con factores de risco engadidos. O peche e redución dos equipos de prevención supón un problema social e de saúde pública que nos afecta a todos, xa que as súas consecuencias acaban revertendo e influíndo en toda a poboación galega.
A Xunta de Persoal e o Comité de Empresa do Concello de Ames consideran que o Programa de prevención de drogodependencias é unha peza fundamental dentro das políticas sociais do noso concello como se vén poñendo de manifesto desde a súa posta en marcha e solicítalle ao goberno municipal amiense que replantexe a súa posición, buscando a mellor solución para garantir a estabilidade e continuidade deste servizo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario