O Portavoz do BNG de Ames, Alberte Souto, dirixiuse ao Alcalde parar demandar a continuidade do Programa de Prevención de Drogodependencias, en funcionamento no concello desde 2008.
O BNG de Ames lamenta de novo unha decisión do Alcalde de Ames, en liña coa política antisocial do PP, de facer desaparecer un servizo social de grande interese e importancia para o concello, dado que se trataba dun programa encamiñado a establecer hábitos de vida saudábeis e dirixido especialmente á xente moza, que son maioría en Ames, segundo os últimos datos de poboación.
De novo, o Goberno de Ames antepón a súa submisión á política do PP, acompañando as súas decisións en materia de recortes sociais, que a manter servizos e programas con grande éxito de implantación no concello, e que, como neste caso, tiñan unha ampla actividade en centros escolares, nos que sempre foran vén recibidas as distintas accións divulgativas e preventivas pola comunidade escolar. Neste caso, a situación económica do concello permitía manter, cos seus propios fondos, a continuidade do Programa, polo que o remate do programa aínda ten menos xustificación, mesmo mantendo a colaboración cos concellos de Brión e Negreira.
Tampouco semella que teña sentido a desaparición do Programa, cando está en vigor por parte da Xunta un Plan de Trastornos Aditivos 2011-2016, e ao tempo se eliminan polo Goberno galego os recursos cos que os concellos desenvolven as actividades relacionadas con ese Plan.
O BNG de Ames tamén lamenta o despedimento da persoa encargada deste programa, que tivo un desempeño profesional exemplar, e cuxa continuidade está sobradamente xustificada, tanto desde a perspectiva da súa valía profesional, do traballo desenvolto cos sectores sociais máis vulnerábeis a esta problemática, como desde a necesidade de seguir contando con persoas con vocación de divulgación e intermediación social no eido da prevención das condutas e transtornos aditivos, especialmente no das drogodependencias.
Ningún comentario:
Publicar un comentario