O PSOE LAMENTA QUE O PP VOTE EN CONTRA DE QUE OS PENSIONISTAS RECIBAN OS 464 EUROS PERDIDOS POLO DECRETO DE NON REVALORIZACIÓN DAS PENSIÓNS
As iniciativas socialistas saíron adiante co apoio dos distintos grupos municipais
O concelleiro socialista Xesús Pedreira celebra o apoio do pleno municipal á súa moción para instar ao Goberno a revogar a súa decisión de non actualizar as pensións de 2012 de acordo co IPC e suspender o dereito á revalorización das mesmas en 2013. Sen embargo, Pedreira lamenta que “o Partido Popular de Ordes votase en contra dunha iniciativa que pretende que os pensionistas ordenses non perdan unha media de 464 euros o próximo ano. Que o PP de Ordes non sexa quen de poñerse do lado dos veciños é máis que lamentable”.
Os demais grupos si apoiaron a petición socialista para esixir a derogación do decreto de non revalorización das pensións e para esixirlle á Xunta de Galicia que defenda os dereitos dos pensionistas galegos, antepoñendo os intereses da cidadanía galega aos intereses partidarios.
Drogodependencias
Onde si houbo unanimidade foi na moción para instar á Xunta de Galicia a manter o financiamento para o mantemento do servizo de prevención de drogodependencias na comarca de Ordes. Un servizo que ata o de agora viña prestando a Mancomunidade de Ordes e do que se beneficiaban máis de 1.500 rapaces e rapazas da comarca, dos que máis de catrocentos son nenos e nenas de Ordes, pero que deixou de prestarse por mor do recorte de axudas da Xunta.
Tamén foi aceptada a petición do PSOE de Ordes para a construción dunha senda peonil de 1.410 metros na estrada DP 2405 Mesón do Vento-Cerceda ao seu paso polo lugar de A Brea (parroquia de Ardemil), orzamentada en 175.216 euros. Unha senda de 1,8 metros de ancho e que se complementaría coa colocación das canalizacións de servizos urbanos previstos nun futuro de auga e rede de sumidoiros. Ante as queixas do PP sobre a presenza do logotipo do partido socialista no proxecto, Xesús Pedreira ironizou dicindo que “a nós o que nos importa son os veciños polo que se conseguen que a Deputación faga a obra, eu mesmo lles entrego un proxecto novo e limpiño para que lle poñan o que queiran”.
Muro e gardería
A preguntas do PSOE, a concelleira de Educación xustificou o corte de subministro eléctrico producido na gardería municipal como un problema técnico cun xerador e asegurou que só durou unha tarde.
Menos concreta foi a resposta á petición de arranxo dun muro de contención no punto quilométrico 27 da N-550, ao seu paso polo Mesón do Vento, concretamente no lugar do campo da feira. Un muro que se derrubou co gallo da tormenta cicloxénica explosiva Gong e que o propio Concello recoñeceu onte que aínda non foi arranxado porque non saben se é responsabilidade do Ministerio de Fomento ou do propio Concello de Ordes. Por iso, Xesús Pedreira recomendou que “mentres miran e discuten de quen é responsabilidade, cando menos retiren os cascallos da beirarrúa para que a xente non teña que camiñar pola estrada”.
No apartado de rogos, o goberno local tomou en consideración a solicitude dos socialistas de instalar unha baranda de protección nas inmediacións da piscina do Campo da Feira, a de controlar o tránsito de camións de Sogama polo centro da vila e a de mellora da eficiencia do sistema de iluminación público naquelas zonas que están suficientemente iluminadas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario