OROSO ACOLLE UN CURSO GRATUÍTO SOBRE COMO USAR INTERNET E AS REDES SOCIAIS PARA AUMENTAR AS VENDAS NAS PEQUENAS E MEDIANAS EMPRESAS
Terá lugar o 21 e 22 de febreiro na aula CeMIT do Concello de Oroso
A aula CeMIT do Concello de Oroso acollerá os vindeiros xoves 21 e venres 22 de febreiro un curso gratuíto sobre como usar Internet e as Redes Sociais para aumentar as vendas nas pequenas e medianas empresas. Unha iniciativa dirixida especialmente a formar a empresarios e responsables de marketing de pemes no desenvolvemento dunha estratexia na Internet para maximizar a súa presenza online e así incrementar as súas vendas.
O curso terá como poñente a Javier Rocamora, consultor especialista en marketing online, comercio electrónico e presenza en redes sociais, e terá unha duración de 14 horas lectivas. As clases poderán seguirse dende a aula CeMIT de Oroso (rúa do Deporte, 7) o xoves 21 de febreiro (de 9:45 a 19:00 horas) e o venres 22 de febreiro (de 9:45 a 18:00 horas).
A xornada do xoves estará dedicada a explicar por que e para que as empresas teñen que estar na Internet, polo que se explicará como poñer en marcha unha tenda online, como estar presente nos buscadores e tipos de marketing viral e móbil. Todo isto aderezado cunha boa doses de casos prácticos. A xornada do venres centrarase no marketing nas Redes Sociais, de xeito que o alumno coñecerá unha panorámica das redes sociais actuais máis interesantes, que contidos pode achegar a súa empresa e estratexias para conseguir seguidores e fans.
Este curso está organizado por Javier Rocamora Consultoría y formación en marketing online, en colaboración co Concello de Oroso, coa Xunta de Galicia, co Ministerio de Industria, Energía y Turismo e o Fonde Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). Para participar só é preciso anotarse online a través da web da Rede CeMIT: http://cemit.xunta.es/es/reservar-praza/Charla/4683
Ningún comentario:
Publicar un comentario