Ordes - concellos da comarca participarán no Sábado de Piñata

Representantes de Santiago, Melide, Arteixo, Laracha e doutros concellos participarán no Sábado de piñata de Ordes
Os interesados terán como data límite para inscribirse ata mañá venres. En total repartiranse máis de 3.000 euros en premios

Máis de medio cento de inscricións, entre disfraces individuais, carrozas e comparsas, leva recollidas ata o momento o Concello de Ordes. Participantes de toda a comarca, Santiago, Laracha, Carballo, Cambre, Arteixo, Melide, Redondela ou Teo entre outras localidades que este vindeiro sábado participarán no desfile e concurso de disfraces que se celebrará a partir das 17 horas. Os máis rezagados aínda están a tempo de inscribirse ata mañá venres como data límite. Para elo basta con acudir ao departamento de Cultura e Deporte do Concello de Ordes, ou ben chamar aos teléfonos 981680002 ou 981680157.

Deste xeito na modalidade individual haberá categoría adultos, a partir dos 16 anos, e categoría infantil para aqueles que teñan como moito esa mesma idade. Neste caso os premios serán de 175, 125 e 90 euros para os primeiros adultos clasificados, e de 125, 90 e 75 euros no caso dos infantís. As mesmas categorías son as que se convocan para a modalidade de comparsas, nas que os grupos terán que estar formados por máis de cinco componentes. 

Os premios para adultos serán de 400, 300 e 200 euros, mentres que para os máis novos serán de 200, 150 e 125 euros. A maiores o Concello outorgará un premio á mellor comparsa municipal dotado con 200 euros. No caso das carrozas as estructuras non poderán ter unha superficie superior aos 7 metros de longo, 3,5 metros de ancho e 4 metros de alto. Un ano máis será esta a categoría que conte cos premios máis cuantiosos dotados con 600 e 400 euros. Ademáis, o Concello de Ordes tamén concederá un premio Especial Simpatía de 150 euros, e sete premios accesit de 100 euros cada un. 

O coñecido como Sábado de piñata é unha das celebracións máis importantes dentro do calendario de eventos do Concello de Ordes. En cada edición increméntase non só o número de participantes senón tamén o de público asistente, cifrándose en milleiros de persoas os que desfrutan grazas a esta cita dos últimos coletazos do Entroido.

Ningún comentario: