Trátase dunha das actividades coas que se vai celebrar o 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres
O prazo para presentar os traballos remata o 4 de marzo
O ano pasado a Concellaría de Benestar puxo aos homes a cociñar á vista de todos, concretamente a facer tortilla coa organización dun concurso de tortillas para celebrar o 8 de marzo, Día Internacional da Mulleres. Neste 2013 prepararon o concurso fotográfico “Olladas en igualdade”, que pretende promover valores que diminúan os prexuízos e os estereotipos de xénero.
O concurso ten tres categorías de xeito que poden participar persoas de todas as idades. Unha categoría será ata os 12 anos, outra entre 13 e 17 anos e a última de 18 anos en diante. Segundo establecen as bases as fotos deben representar os valores da igualdade entre homes e mulleres desde calquera punto de vista. O concelleiro, Ignacio Iglesias, explica que poden ser imaxes “da corresponsabilidade doméstica, conciliación, mulleres en traballos considerados tradicionalmente do outro sexo...”.
O prazo para participar neste concurso remata o 4 de marzo de 2013 ó mediodía. As fotos deben entregarse en formato dixital e poden traerse de xeito físico ao Centro de Información á Muller de Teo, de luns a venres de 08:00 a 15:00 horas ou enviar por correo electrónico a cim@concellodeteo.com. A maiores do formato da imaxe hai que entregar unha ficha de inscrición cuberta cos datos da persoa que participa no concurso. As bases completas e a ficha de inscrición xa se poden descargar da web municipal www.concellodeteo.com.
O fallo do xurado coñecerase o 8 de marzo cun acto na Casa Común de Rarís a partir das 19:00 horas. Ademais da entrega dos premios, un primeiro e un segundo premio por categoría haberá unha lectura dun manifesto, actuacións musicais e unha charla coloquio sobre o traballo feminino. Se o ano pasado se falou das leiteiras este ano dende a Concellaría de Igualdade propoñennos o achegamento ó papel das costureiras.
Outra das actividades que complementan este programa do 8 de marzo é unha excursión ás Termas de Outariz e Allariz que se fará o 10 de marzo. Xa se poden anotar mulleres teenses menores de 65 anos no CIM de Teo, no teléfono 981 809 707.
Ningún comentario:
Publicar un comentario