O PXOM de Silleda inclúe unha zona de desenvolvemento no polígono de Chapa para garantir futuras ampliacións e a urbanización desta área
-Paula Fernández reuniuse cos empresarios deste polígono para explicarlles a situación recollida no planeamento e o recorte marcado pola necesaria protección xunto ao río
A alcaldesa de Silleda e responsable municipal de Urbanismo, Paula Fernández Pena, vén de manter un encontro cos empresarios do polígono industrial de Chapa, incluído no PXOM como Solo Urbanizable de Desenvolvemento (SUD I2), tal e como plantexaron os propietarios en anteriores encontros e durante a fase de redacción do documento. Con esta clasificación garantizase que nun futuro poidan ampliarse as instalacións existentes, ao tempo que se prevé a urbanización da zona para dotar este asentamento industrial de todos os servizos.
Durante o encontro a rexedora e o técnico municipal explicáronlle aos empresarios de Chapa a proposta plasmada no documento, cunha área que foi recortada respecto do plantexamento inicial dos empresarios e o Concello, debido á súa proximidade ao río Toxa. A zona de protección do caudal obrigou a reducir o SUD previsto, un cambio que foi entendido polos empresarios “xa que a zona na que se recorta era un espazo no que non se prevía ampliar edificacións”, engade a rexedora.
Superficie de 35.505 metros cadrados
Segundo se recolle no PXOM, os propietarios dos terreos que están incluídos no SUD dispoñen dun periodo de dous anos, a partir da aprobación do Plan Xeral, para presentar un plan parcial co que se urbanizaría o polígono. Para desenvolvelo, deben de constituir unha xunta de compensación a través da que se farán as correspondentes dotacións, que serán costeadas polos propios empresarios (viais, servizos, depuración). O SUD I2 conta cunha superficie total de 35.505 metros cadrados. O polígono de Chapa, no lugar de Ponte da Pedra, é unha das dúas áreas industriais do municipio, xunto co polígono Área 33, recollidas no PXOM. “Dende o goberno municipal sempre apostamos pola consolidación deste asentamento industrial, no que agora a través desta delimitación no planeamento poderán construirse novas naves e ampliar as xa existentes”, explica Paula Fernández.
Na presente lexislatura a alcaldesa e responsable municipal de Urbanismo mantivo varios encontros co empresariado de Chapa para regularizar o polígono, para o que presentaron unha delimitación da zona industrial ao abeiro da disposición transitoria terceira da Lei do Solo, “que agora se plasma no novo PXOM”, engade a rexedora.
Ningún comentario:
Publicar un comentario