UNHA DELEGACIÓN DE CONCELLOS DE ITALIA, BÉLXICA, POLONIA E SUECIA VISITA O COMPLEXO MEDIOAMBIENTAL DA MANCOMUNIDADE SERRA DO BARBANZA
Os integrantes do programa Ecowas, que ten por obxecto traballar en conxunto o tratamento do lixo, estiveron acompañados polos alcaldes de Brión e Lousame
Unha delegación de Concellos de Italia, Bélxica, Polonia e Suecia visitou esta mañá o complexo medioambiental de tratamento de residuos sólidos urbanos e asimilabes da Mancomunidade de Concellos da Serra do Barbanza. Unha visita á planta de Servia na que estiveron acompañados por Xosé Luís García, alcalde de Brión e recentemente elixido presidente da Mancomunidade Serra do Barbanza; e por Teresa Villaverde, alcaldesa de Lousame.
Esta delegación forma parte do programa Ecowas, un plan que ten por obxecto traballar en conxunto o tratamento do lixo e que está incluído na iniciativa europea Europe for Citizens. A delegación que hoxe visitou a planta de Lousame está composta por representantes de Sosnowiec (municipio polaco de case 250.000 habitantes), de Lublin (concello de Polonia duns 350.000 habitantes), Mölndal (cidade de Suecia de preto de 60.000 habitantes), Traversetolo (municipio italiano de case 9.000 habitantes) e Hasselt (cidade belga duns 7.000 habitantes).
Exemplo de recuperación e reciclaxe
Xosé Luís García explica que “como o programa no que participan estas vilas busca mellorar o tratamento de residuos a partir da separación no fogar, estiveron moi interesados en coñecer o procedemento de reciclaxe e compostaxe da materia orgánica que levamos facendo na Mancomunidade Serra do Barbanza dende hai xa dez anos e que é todo un exemplo pola súa capacidade de recuperación e de reciclaxe”. Os representantes do programa Ecowas estiveron acompañados en todo momento por técnicos da planta de Servia, que lles explicaron todo o funcionamento do complexo, dende as iniciativas para incrementar a conciencia pola reciclaxe ata as estratexias utilizadas para unha maior separación e reutilización dos residuos.
Un sistema que na actualidade utilizan 9 concellos (Ames, Brión, Carnota, Lousame, Muros, Noia, Pontecesures, Porto do Son e Rois), cun total de 87.000 habitantes, e que na actualidade trata unhas 35.000 toneladas de residuos sólidos urbanos ao ano baixo a regra dos 3R: Reducir, Reutilizar e Reciclar. De feito, a planta está baseada na reciclaxe dos envases e no tratamento da materia orgánica para a elaboración dun compost de gran calidade.

Ningún comentario:
Publicar un comentario