“Feijóo é responsábel de que os causantes da vergoña colectiva da cidade sigan nos seus postos como se nada pasase”
O grupo municipal do BNG compareceu en rolda de prensa para pedir a dimisión da totalidade dos membros do grupo do PP “incapacitado e deslexitimado para gobernar a capital de Galiza”.
“Onte foi un novo día negro para Santiago de Compostela”, afirmou Rubén Cela, “con novos cargos do PP detidos e a Policía, máis unha vez, inspeccionou as dependencias municipais”. “Esta situación non se pode aturar nin un día máis; os veciños e as veciñas están fartos e piden a berros que se adopten medidas contundentes xa”, engadiu o portavoz municipal do BNG.
“Unha situación tan extrema deste tipo”, sinalou, “requiriría que se puidesen convocar eleccións e que se lle dese a palabra aos veciños e veciñas, mais como parece ser que no actual marco legal iso non é posíbel, cuestión que se podería reconsiderar no marco do debate da reforma da administración local, o BNG esixe a dimisión de xeito inmediato de todo o Goberno municipal de Santiago”.
“Teñen que marchar todas e todos os concelleiros e concelleiras do grupo de Goberno do PP, porque non está lexitimado para continuar ao demostrar que non está capacitado para gobernar a capital de Galiza”, indicou.
Rubén Cela ironizou coas palabras do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, cando dixo que “o que ocorre en Santiago non é normal”. “Feijóo descubriu a pólvora, tarde piou para darse de conta”, afirmou Rubén Cela.
Vergoña colectiva
“Non é normal que ante unha situación tan extremadamente grave, o presidente do PP non tomara ningunha medida, tan so ratificar a Currás como alcalde de Santiago, e que os causantes deste bochorno e da vergoña colectiva da cidade sigan nos seus postos como se nada pasase”, engadiu.
“Non é tempo de explicacións nin de desculpas, é tempo de varrer o peor Goberno da historia desta cidade, porque o tempo das explicacións e das desculpas xa pasou cando Currás tivo unha oportunidade de ouro que desperdiciou no último Pleno”.
Para o BNG, as cousas teñen que comezar a cambiar en Santiago e ese cambio só é posíbel “coa marcha de todas as persoas responsábeis que colectivamente nos colocaron nesta situación, por iso ten que dimitir o actual Goberno municipal do PP”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario