BNG Santiago - Rubén Cela pide que o goberno municipal desautorice o concelleiro Juan De La Fuente

Rubén Cela esíxelle ao alcalde que desautorice as declaracións do concelleiro de Vías e Obras sobre a actuación na rúa Virxe Branca
“Pasou máis dun ano e as obras aínda están sen facer porque o xeito de proceder do Goberno local do PP ten repercusións negativas para a veciñanza”

O portavoz do BNG entregaralle o “Manual de apoio a cargos políticos locais” ao concelleiro de Vías e Obras do PP para que se informe dos procedementos de contratación e da lexislación vixente

O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, esixiulle ao alcalde que desautorice “dun xeito claro, rotundo e contundente” as declaracións do concelleiro de Vías e Obras, Juan de la Fuente, sobre as obras iniciadas “sen adxudicar, sen contratar e sen dispoñibilidade económica na Virxe Branca, no Castiñeiriño, porque senón entenderemos que as subscribe”.

“Non podo entender como unha persoa que leva case dous anos de exercicio de concelleiro do Goberno do PP na capital de Galiza pode afirmar que a adxudicación dunha obra non ten que pasar pola Xunta de Goberno, co intento de adaptar a súa particular forma de actuar aos seus actos, mais os procedementos e as leis son para que as cumpramos todos, non todos menos Juan de la Fuente”, sinalou.

Neste sentido, indicou que vai facerlle entrega do “Manual de apoio a cargos políticos locais” ao concelleiro de Vías e Obras do PP para que se informe dos procedementos de contratación e da lexislación vixente.

Rubén Cela acusou tamén “o intento de negar a evidencia, con contradicións constantes de quen estaba a realizar esas obras anunciadas na propia web municipal; primeiro dixeron que era unha empresa de subministro, logo que era a Rosaleda pero que eran traballos previos e despois que non facía falta adxudicar a obra”.

Ademais, o portavoz nacionalista explicou que estas obras non se puideron realizar no anterior mandato municipal, como culpou o alcalde, porque son de urbanización, posteriores á construción das vivendas, polo que o BNG levou un rogo en abril de 2012 ao Pleno municipal precisamente para axilizalas, porque o proxecto desa obra fora aprobado en decembro de 2011. “A conclusión é que pasou máis dun ano e as obras aínda están sen facer porque o xeito de proceder do Goberno local do PP ten repercusións negativas para a veciñanza”, engadiu.

“Pedímoslle ao alcalde outra forma de facer as cousas, cun mínimo de rigor e que atendan as leis para resolver os problemas da cidade”, sinalou Rubén Cela.

Ningún comentario: