O PSOE DE ORDES DENUNCIA O MAL ESTADO DO FIRME DA CÉNTRICA E RECÉN ARRANXADA RÚA DO RECREO E ESIXE Á SÚA PRONTA REPARACIÓN
Xesús Pedreira considera que a Deputación ten que facerse responsable da mala execución dunhas obras que executou hai apenas 8 meses e nas que investiu 120.000 euros
O Partido Socialista de Ordes denuncia o mal estado de conservación da céntrica rúa do Recreo, unha das travesías máis importantes do municipio que presenta múltiples fochancas e desperfectos. O voceiro municipal do PSdeG-PSOE en Ordes, Xesús Pedreira, considera que “non é de recibo que unha obra feita pola Deputación da Coruña hai apenas 8 meses e na que se investiron máis de 120.000 euros estea nun estado tan lamentable”.
Pedreira Mirás asegura que “non pode ser que unhas obras polas que estivemos máis de dous anos esperando e nas que se investiron tantos cartos estean nun estado tan lamentable en menos dun ano, polo que consideramos que o Concello de Ordes ten que esixirlle á Deputación da Coruña que arranxe de inmediato a situación e faga estas obras en condicións”. Neste sentido, compre lembrar que as obras de mellora na rúa do Recreo e nos 1,8 primeiros quilómetros da travesía DP-5903 foron executados pola Deputación da Coruña en maio de 2012, despois de estar case dous anos paralizadas.
As xestións para o arranxo desta importante travesía urbana de Ordes veñen de moi lonxe, concretamente de febreiro de 2008, data na que o responsable de Obras da Deputación visitaba a Vila de Ordes para comprobar o estado da rúa do Recreo. Finalmente, en xuño de 2009 a Deputación comunicaba ao Concello a inclusión desta obra na terceira fase do Plan de Travesías 2009, por un importe de 429.406 euros, se ben a propia Deputación a pospuxo para unha ulterior aprobación aducindo que non existía crédito axeitado e suficiente. Finalmente, en outubro de 2010 foi contratada e adxudicada a obra, aínda que foi por un importe moito menor xa que só incluíu o levantado, reposición e pintado do firme desta travesía.

Ningún comentario:
Publicar un comentario