Ames Novo Ames - o servizo de prevención de drogodependencias e necesario e viable

Pilar Candocia: "O servizo de prevención é viable e necesario, o alcalde ten que dar a cara e asumir a súa responsabilidade" 
Ames Novo considera completamente viable e necesario o mantemento do servizo de prevención de drogodependencias con recursos municipais. Sabemos que existe vontade por parte de Brión e Negreira, polo que alentamos ao alcalde de Ames para que encabece a busca de solucións conxuntas para continuar un servizo demandado pola comunidade educativa e pola sociedade. 

O Concello de Ames ven de desmantelar o servizo de prevención de drogo-dependencias, que atendía tamén aos concellos de Brión e Negreira sobre a base dun acordo coa Xunta de Galicia. A Xunta continúa coa súa política de recortes intentando disimular os seus efectos, neste caso temos un dobre encubrimento: ao parecer que son os concellos quen reducen os servizos, e ao tratarse dun servizo de prevención onde os efectos nefastos só se aprecian no medio prazo. Ames non pode permitirse prescindir dun servizo de prevención deste perfil, temos a maior proporción de poboación xuvenil de Galicia, de ningún xeito se pode tratar da mesma forma municipios como os nosos e outros máis envellecidos, nas que estes problema son acuciantes, nos que os tempos de crise aínda engaden maior risco. 

O goberno de Ames permanece pasivo ante o peche dun servizo necesario que funcionaba de forma exemplar e que conta co aval, entre outros, das comunidades educativas dos tres municipios. O goberno de Ames reacciona como de costume, mira para outro lado como se os problemas e as responsabilidades non fosen súas, e intenta trasladar a culpa cara outros lugares que ademais é o seu goberno amigo do PP. 

Diante desta pasividade Ames Novo estivo traballando para buscar alternativas viables, asumindo a responsabilidade desde o diálogo e o compromiso cos servizos públicos. A portavoz Pilar Candocia e o concelleiro Anxo Doval estableceron diálogo cos responsables dos concellos, coa traballadora e os representantes do persoal, así como coa comunidade educativa afectada, e estamos en condicións de afirmar que todos os concellos implicados concordan na súa importancia e na súa disposición de contribuír a manter o servizo. Temos un exemplo de colaboración que debería marcar o camiño, o Grupo de Emerxencias Supramunicipal entre Brión e Ames. Se todos manifestaron a súa dispoñibilidade e a súa vontade: que falla entón? a que agardan para atopar unha solución? 

Podemos e debemos continuar co servizo, que ademais é economicamente asumible. Se falla a comunicación entre alcaldes, pedímoslles por favor que se senten xa a falar e buscar unha solución. A saúde futura dos nosos mozos e mozas está en perigo, este é un ben moi prezado ben que non podemos poñer en risco. Moitos outros concellos, mesmo gobernados polo PP coma o de Vilagarcía xa adoptaron decisión de asumir o servizo con fondos municipais. O traballo de máis de 20 anos destes profesionais non se pode tirar pola borda de golpe pola insensibilidade dos gobernantes. Agardamos que algún día as nais e pais e a sociedade en xeral non teña que reprochar as consecuencias fatais desta insensiblilidade e a falta de apoio á prevención.

Ningún comentario: