O MUPEGA acolle a exposición “LUCES DE ALÉN MAR. AS ESCOLAS DE AMERICANOS EN GALICIA”, do Consello da Cultura Galega
A exposición “Luces de Alén Mar. As Escolas de Americanos en Galicia”, promovida polo Consello da Cultura Galega, a través do seu Arquivo da Emigración Galega, e coa colaboración da Secretaría Xeral de Emigración, foiinaugurada o mércores 6 de febreiro ás 20 horas no Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA), sito na avenida de San Lázaro, 107, en Santiago de Compostela. A mostra, que salienta o instrutivo compromiso solidario dos emigrantes galegos, permnecerá nese espazo ata o vindeiro 28 de xuño. No acto inaugural estiveron Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega; Anxo Lorenzo, Secretario Xeral de Cultura; Antonio Rodríguez Miranda, Secretario Xeral de Emigración, e Vicente Peña Saavedra, comisario da mostra. O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, percorreu a mostra.
A exposición “Luces de Alén Mar. As escolas de americanos en Galicia” ven subliñar a dimensión da efeméride do centenario fundacional das Sociedades Galegas de Instrucción radicadas en América e as súas realizacións académicas nas localidades de procedencia dos emigrantes.
Os 42 paneis que dan conta do gran labor educativo promovido e sostido en Galicia polos seus emigrantes percorrerá o país “para dar testemuño, da conciencia, da determinación e do compromiso das sociedades de emigrantes e difundir, honrar e agradecer tan nobres e exemplares iniciativas: varios centos de escolas construídas nas décadas finais do século XIX e no primeiro terzo do século XX, que tanto contribuíron á mellora educativa e ao progreso cultural de Galicia e das súas xentes”, afirma Ramón Villares.
“Luces de Alén Mar”, comisariada por Vicente Peña Saavedra e documentada por Carolina García Borrazás e María Teresa García Domínguez, é unha nova contribución do Arquivo da Emigración Galega, do Consello da Cultura Galega, á recuperación e posta en valor da memoria e o legado dos emigrantes. Un labor no que o CCG contou coa colaboración da Secretaría Xeral de Emigración da Xunta de Galicia.
Ata o momento a exposición puido contemplarse nos últimos días do pasado mes de xuño no Pazo de Congresos e Exposicións de Santiago de Compostela, coincidindo coas sesións de traballo do X Consello de Comunidades Galegas. En agosto de 2012 estivo na Casa Consistorial de Ortigueira.
Ningún comentario:
Publicar un comentario