oroso - o concello homenaxea hoxe a pintora Hortensia Ramos inaugurando o seu museo

O CONCELLO DE OROSO INAUGURA HOXE VENRES O MUSEO HORTENSIA RAMOS, QUE REÚNE GRAN PARTE DA OBRA DESTA PRESTIXIOSA PINTORA NADA EN DEIXEBRE
Previamente terá lugar o descubrimento da placa que lle dá o nome de Hortensia Ramos a dunha rúa de Sigüeiro

O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, e Hortensia Ramos, pintora nada en Deixebre, participarán mañá venres en dous actos institucionais cos que o Concello de Oroso quere homenaxear a esta pintora orosá, que vén de ceder gran parte da súa obra ao seu Concello natal. Os actos consistirán en darlle o nome de Hortensia Ramos a unha das rúas de Sigüeiro e crear o Museo Hortensia Ramos.

O primeiro dos actos terá lugar ás 18:30 horas e consistirá no descubrimento dunha placa conmemorativa froito da decisión unánime do pleno municipal de Oroso de darlle o nome de Hortensia ramos a unha rúa de Sigüeiro, situada entre a rúa Pablo Iglesias (a carón do polideportivo) e o vial de acceso ao polígono de Sigüeiro. 

Ás 19:00 horas, a comitiva oficial desprazarase ata o centro cultural de Sigüeiro, onde terá lugar a inauguración do Museo Hortensia Ramos. O Concello de Oroso acordou denominar Museo Hortensia Ramos ao seu auditorio principal que, dende mañá venres, acollerá gran parte das obras da pintora orosá. Unha obra que tamén se poderá contemplar noutras dependencias do centro cultural e que estará exposta de xeito permanente en Sigüeiro.

Curriculum
Hortensia Ramos é unha pintora nacida na parroquia de Deixebre (Oroso) en 1939. Recibiu clases particulares de debuxo cando era unha nena e despois trasladouse coa súa familia a A Coruña, onde estudou na Escola de Artes e Oficios. Unha vez casada, trasladouse a Madrid, onde entrou en contacto coa pintura de grandes mestres. A súa primeira exposición tivo lugar en Serrano 19 (Madrid) no ano 1976. Dende entón, leva realizadas múltiples exposicións por toda España, Europa e Norteamérica. Nos últimos anos, esta pintora orosá dedicouse a introducir as súas obras en distintos museos das catro provincias galegas, ademais de en Madrid, Macao (Portugal), Las Palma, California e Florida (EEUU) e Padua (Italia). En 2012 foi a artista invitada polo Concello de Oroso ao certame internacional Goisorosoarte.

Ningún comentario: