BNG Santiago - programa de deporte saudabel para persoas con discapacidade

O BNG defende un programa para promover o deporte saudábel para persoas con discapacidade nas instalacións municipais
Avoga porque as nenas e os nenos composteláns con mobilidade reducida ou deficiencias psíquicas e sensoriais poidan practicar deporte con persoal especializado en colaboración coas entidades representativas da cidade 

O BNG rexistrou un rogo dirixido ao Goberno municipal para pór en marcha un programa destinado á promoción do deporte saudábel para persoas con discapacidade nas instalacións municipais, en colaboración coas entidades representativas asentadas na nosa cidade.

Segundo defende o grupo municipal do BNG, cómpre que o Concello de Santiago ofreza formación e recursos acaídos co obxectivo de asegurar que as persoas con discapacidade teñan acceso a instalacións deportivas, con especial atención á infancia, para que os nenos e as nenas composteláns con mobilidade reducida ou deficiencias psíquicas e sensoriais poidan practicar deporte con persoal especializado e en colaboración coas entidades representativas da cidade.

Na Lei 51/2003, de 2 de decembro, de igualdade de oportunidades, non discriminación e accesibilidade universal das persoas con discapacidade estabelécese que lle corresponde aos poderes públicos promoveren as condicións para que a liberdade e a igualdade das persoas sexan reais e efectivas, coa eliminación dos obstáculos que impidan ou dificulten a súa plenitude e facilitando a súa participación na vida política, cultural e social. Deste xeito, os poderes públicos deben asegurar que as persoas con discapacidade poidan gozar do conxunto de todos os dereitos humanos: civís, sociais, económicos e culturais, segundo recolle o rogo do BNG.

Integración social e igualdade de oportunidades
Ademais, nas conclusións da Convención sobre os Dereitos de Persoas con Discapacidade sinálase a necesidade de promover a participación das persoas con discapacidade nas actividades deportivas xerais a todos os niveis, para asegurar que teñan a oportunidade de organizaren e de desenvolveren actividades deportivas e recreativas específicas. 

Para o BNG, cómpre organizar un programa que conciba o deporte como actividade de lecer que achega beneficios físicos e psicolóxicos para as persoas, con discapacidade e sen ela, que contribúe a fomentar a plena integración social. Por este motivo, é preciso pór en marcha estratexias de intervención que operen simultaneamente sobre as condicións persoais e sobre as condicións ambientais das persoas con discapacidade, para loitar contra a discriminación, para favorecer a accesibilidade universal e para garantir o dereito á igualdade de oportunidades.

Ningún comentario: