Silleda - puntos de recollida de pilas

Silleda contará con 10 puntos para o depósito de pilas e baterías
-Estarán ubicados en edificios e centro públicos e para cantidades maiores pódense entregar no punto limpo
Nos vindeiros días farase efectivo en Silleda o convenio marco de colaboración entre a Xunta de Galicia e as entidades Xestoras de Sistemas Integrados de Xestión (SIX) para a recollida de pilas e acumuladores. 

Este convenio posibilita distintas fórmulas de xestión, e no caso de Silleda optouse pola que só compromete ao Concello a recepcionar e almacenar, de xeito temporal, os residuos que se recollan. Así, serán as entidades xestoras (no caso de Silleda a empresa Ecopilas) as que coordinen e costeen o servizo de recollida e transporte.

Para facilitar o depósito á cidadanía colocaranse un total de 10 colectores en distintos centros públicos. Así, estes estarán situados na Casa do Concello, Casa da Xuventude, Casa da Cultura-Biblioteca; Centro Social dos Maiores; Escola de Música e Centro de Saúde. 

Tamén se distribuirán colectores na vila da Bandeira, que estarán no Centro Cultural Vista Alegre; Centro Social dos Maiores; Centro de Saúde e no Auditorio Municipal Manuel Dopazo.

Así mesmo, para as persoas que teñan unha cantidade máis grande de pilas ou baterías recomendase acudir ao Punto Limpo, servizo gratuito aberto ao público todos os mércores e sábados de 09.00 a 14.00 horas. 

Dende o departamento de Medio Ambiente, que dirixe Antonio Couso, acordáronse estes puntos de recollida con Ecopilas, situándose en lugares públicos, onde se rexistra unha maior afluenza de público, para facilitar os depósitos. “Trátase dun servizo moi necesario para o tratamento axeitado deste tipo de residuos”, apunta Antonio Couso, sinalando que coa colocación dos puntos de recollida se facilitará aos veciños e veciñas as opcións de reciclaxe, xa que ata agora había que acudir ata o Punto Limpo. Será nestas instalacións onde se almacenen de xeito temporal os residuos recollidos, que logo retirará a empresa encargada do servizo, co que se garantiza unha xestión axeitada dos residuos de pilas e acumuladores portátiles, a través das entidades xestoras autorizadas para operar en Galicia, cumprindo tamén co esixido no Real Decreto 106/2008, do 1 de febreiro, sobre a xestión ambiental dos residuos e demais normativas.

Recollida de plásticos agrícolas
Por outra banda, dende o departamento municipal de Medio Ambiente e Medio Rural lémbrase aos gandeiros/as e agricultores/as que o prazo para apuntarse ao servizo de recollida a domicilio de plásticos agrícolas remata aínda o vindeiro sábado día 16. Os interesados poden anotarse chamando ao número de teléfono 986 580000. A recollida realizarse a partir do vindeiro luns día 18, polo que se prega a todos os usuarios que se anotaran que teñan os plásticos debidamente limpos e atados.

Ningún comentario: