Oroso - condicións e documentación de acceso os nichos do camposanto de Marzoa

OS VECIÑOS XA PODEN ACCEDER AOS PLIEGOS DE CONDICIÓNS E PREPARAR A DOCUMENTACIÓN PARA A CONCESIÓN DOS NICHOS DO CAMPOSANTO DE MARZOA
O prazo de presentación de solicitudes abrirase despois da publicación do anuncio de concesión no DOG

Os veciños e veciñas de Oroso que estean interesados en ter un nicho ou un columbario no camposanto municipal de Marzoa poden acceder dende hoxe aos pregos de condicións da concesión e preparar a documentación necesaria para obtela, logo do anuncio publicado no BOP de onte e no perfil do contratante do Concello de Oroso. O prazo de presentación de solicitudes aínda non está aberto, pois os 30 días hábiles só comezarán a contar logo da publicación do anuncio da concesión no DOGA, que previsiblemente terá lugar antes de que remate este mes de febreiro.

O alcalde de Oroso, Manuel Mirás Franqueira, explica que “unha vez aprobados o regulamento e a ordenanza, agora damos a coñecer o prego de condicións para a adxudicación dos nichos, co que pretendemos facilitar que a maioría dos veciños e veciñas de Oroso poidan ser titulares desta concesións”. Uns veciños que xa presentaron no Concello preto de 40 solicitudes de preinscrición.

Dous prazos de cobro
O prego de condicións dado a coñecer hoxe recolle o compromiso manifestado polo alcalde de Oroso cos veciños, durante a inauguración do camposanto a finais de 2012, no tocante a habilitar prazos de pago. Así, os veciños poderán optar por realizar un único pago ou dous pagos, a metade antes da adxudicación da concesión e a outra metade seis meses despois da data de adxudicación.

Ademais, para facilitar que a maioría de veciños poidan ser titulares das concesións, o Concello de Oroso estableceu que ningunha persoa, física ou xurídica, soa ou en concorrencia con outras, poderá asinar máis dunha solicitude. Ademais, tampouco poderán presentar solicitudes separadas os membros da mesma unidade familiar. É dicir, os fillos menores ou maiores de idade que estean empadroados no mesmo domicilio familiar non poderán presentar solicitudes separadas das dos seus pais.

Prezos e prazos
O Concello de Oroso saca a concesión un total de 75 columnas, con 4 nichos e un cinceiro por cada un, que se adxudicarán como columnas indivisibles ou ben por nichos soltos por un prazo de 75 anos improrrogables. O prezo fixado para cada nicho é de 881,25 euros (11,75 euros/anuais), mentres que o prezo de cada columna será de 3.525 euros. En todo caso, tanto os nichos como as columnas seguirán sendo de titularidade e propiedade do Concello de Oroso, polo que non poderán ser obxecto de compravenda, permuta o transacción de ningunha clase.

Se o número de solicitudes é inferior ou igual ao número de nichos ofertados, o Concello de Oroso adxudicará as unidades de soterramento directamente aos solicitantes. Se o número de solicitudes fose maior, os criterios establecidos para a adxudicación indican que terán preferencia os solicitantes dunha columna fronte aos que soliciten un nicho (por iso, tamén se ofrece a posibilidade de que catro solicitantes de nichos individuais se xunten nunha mesma solicitude dunha columna) e despois ordenaranse as ofertas de maior a menor cantidade económica ofertada. No caso de empate, terá prioridade a solicitude presentada primeiro no tempo e, de persistir o empate, procederase a un sorteo.

Documentación precisa
As persoas físicas ou xurídicas que queiran optar á concesión dunha columna ou dun nicho no camposanto municipal de Marzoa deberán presentar dous sobres con documentación. Un dos sobres incluirá a proposición económica, mentres que o outro incluirá diversa documentación que os veciños interesados xa poden ir comezando a reunir:

Persoas físicas: copia do DNI 
Corporacións ou asociacións: copia autorizada dos Estatutos e credencial de inscrición no Rexistro de Asociacións, no seu caso.

Se o licitador non actúa en nome propio ou se é unha persoa xurídica, deberá presentar apoderamento diante da Secretaría do Concello de Oroso.

Sociedade: copia da tarxeta de identificación fiscal
Así mesmo, deberán entregar unha declaración responsable de atoparse ao corrente no cumprimento das súas obrigas tributarias (ante a Seguridade Social e ante as Facendas Estatal, Autonómica e municipal); e declaración de non estar incurso en ningunha circunstancia que incapacite para contratar (de acordo co artigo 60 TRLCSP). Ademais, se varios veciños optan por presentarse conxuntamente, deberán nomear a un representante.

A construción do camposanto municipal de Marzoa supuxo un investimento de 411.946,63 euros (IVE incluído), o que supuxo un aforro de máis de 169.000 euros sobre o orzamento base de licitación. As instalacións están emprazadas nunha parcela de 7.895 metros cadrados de superficie situada no lugar da Cruz do Folgoso, a carón da estrada CP-3802 Ordes-Pontecarreira. Ademais dos bloques de panteóns, as instalacións do camposanto de Marzoa inclúen un edificio de 78 m2 que conta cun depósito de cadáveres, aseos e almacén; así como unha zona verde de 380 m2 e un aparcamento en superficie duns 856 m2.


Outra característica deste camposanto é que non existe discriminación algunha á hora dos enterros por razóns de relixión, polo que os servizos relixiosos no camposanto prestaranse en virtude do principio constitucional de liberdade de culto e sen máis limitacións co respecto debido ás demais crenzas relixiosas e de mantemento da orde pública. 

Ningún comentario: