Brión - o concello repartirá mañán domingo máis de 2000 euros en premios no seu concurso de disfraces

O CONCELLO DE BRIÓN REPARTIRÁ ESTE DOMINGO 2.200 EUROS NO SEU CONCURSO DE DISFRACES, NO QUE XA ESTÁN ANOTADOS CASE 300 PERSOAS
Os interesados en participar aínda poden anotarse o propio domingo, de 15:00 a 16:00 horas, na Casa da Cultura

O Concello de Brión repartirá este domingo 17 de febreiro un total de 2.200 euros no seu tradicional Concurso de Disfraces de Entroido, que terá lugar no pavillón polideportivo municipal de Pedrouzos. Un certame no que participarán máis de 300 persoas (entre comparsas, grupos, carrozas e individuais) e no que aínda é posible anotarse o mesmo domingo, de 15:00 a 16:00 horas, na Casa da Cultura de Brión.

A día de hoxe, están inscritos sete comparsas, cinco carrozas, dous grupos e unha trintena de participantes individuais, sobre todo cativos. Todos eles participarán nun Desfile de Entroido que sairá ás 16:30 horas da Carballeira de Santa Minia e que percorrerá a avenida de Santa Minia e o Paseo de Pedrouzos ata o pavillón polideportivo, onde terá lugar o concurso de disfraces e unha gran festa de entroido final amenizada pola orquestra Capitol. No caso de choiva, non habería desfile e a festa trasladaríase directamente ao pavillón.

Premios
O xurado valorará a orixinalidade, a calidade do traballo dos disfraces e dos complementos, así como o propio lucimento do disfrace no escenario do pavillón polideportivo. As bases do concurso establecen catro categorías. Na primeira delas participarán nenos e nenas menores de 11 anos, que se repartirán tres premios de 50, 40 e 20 euros (canxeables por libros, xogos ou material escolar). Na categoría xuvenil, de 12 a 17 anos, os premios serán de 55, 40 e 20 euros en material didáctico. Na categoría de adultos (maiores de 18 anos) haberá dúas modalidades: individual, con premios de 100 e 75 euros; e parellas, con premios de 150 e 100 euros.

Finalmente, na categoría xeral establécense tres modalidades de concurso: Grupos (de 3 a 9 persoas) con tres premios de 200, 150 e 100 euros; Comparsas (10 ou máis persoas) con galardóns de 300, 200 e 150 euros; e Carrozas, con tres premios de 200, 150 e 100 euros. As bases do concurso poden consultarse na web municipal www.concellodebrion.org.

Ningún comentario: