Pola calidade do ensino público, non ao incremento do horario lectivo para o profesorado nin aos recortes no ensino público.
O venres, 9 de setembro, o profesorado galego de Educación Infantil, Primaria e Secundaria está convocado a unha manifestación que partirá ás 11:30 da Alameda de Compostela, para dirixirse á Consellaría de Educación seguindo o seguinte itinerario: Alameda, Senra, Fonte de San Antonio, Virxe da Cerca, Rodas, San Roque, Basquiños, Pastoriza, San Caetano con remate diante da Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria.
Esta manifestación é a terceira mobilización previa ás xornadas de folga do día 21 e 27 de setembro.
Todas as organizacións sindicais convocamos esta manifestación para esixir a retirada da proposta de incremento de horario lectivo para o profesorado de Infantil, Primaria e Secundaria e o incremento das funcións do profesorado, así como para denunciar a política de recortes no ensino público. Igualmente, esiximos o mantemento e o cumprimento do Acordo de 8 de xuño de 2007, sobre a xornada de traballo do profesorado do Corpo de Mestres e a derrogación da ORDE de 23 de xuño de 2011 pola que se regula a xornada de traballo do persoal funcionario e laboral docentes que imparten as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio
Estas propostas xa foron realizadas na Mesa Sectorial de 21 de xuño por todas as organizacións sindicais nela presentes e que representamos aos máis de 32.000 docentes do Ensino Público.
Os recortes que as organizacións sindicais anunciabamos en xuño quedáronse curtos ante os recortes feitos pola consellaría: 14 unitarias, 77 unidades de infantil e primaria (161 postos de traballo). Tampouco se cubriron ás máis de 900 xubilacións de docentes.
Denunciamos o talante antidialogante e a prepotencia da Consellaría de Educación que se negou a atender as nosas demandas e do Conselleiro que a preside que se negou a reunirse co órgano de representación do profesorado. Denunciamos tamén os seus ataques constantes ao ensino público, agora contra o profesorado, coa única intención de desprestixiar o público.
Todo indica que a manifestación de mañá será multitudinaria e canalizará o descontento unánime do conxunto do profesorado galego, que se sente desprezado e “ninguneado” pola Consellaría.
CIG-ENSINO CCOO-ENSINO FETE-UGT ANPE STEG CSI-F
Ningún comentario:
Publicar un comentario