TEO - O CONCELLO ORGANIZA A I MARCHA CICLOTURISTA BTT O PRÓXIMO 10 DE SETEMBRO

Dende o Departamento de Deportes destacan que se trata dunha marcha non competitiva dirixida ós amantes da natureza e da bicicleta

· Deportes tamén abre o prazo para a inscrición na Liga de fútbol sala municipal

03 de setembro de 2011. O Departamento de Deportes pecha este ano o programa Deporte Aventura Teo 2011, coa celebración da I Marcha cicloturista BTT polo municipio o próximo 10 de setembro. As persoas interesadas en participar aínda poden anotarse poñéndose en contacto co persoal de Deportes no teléfono 981 815 700 ou no correo electrónico deportes@concellodeteo.com.

O programa Deporte Aventura Teo 2011 realizouse durante os meses do verán e nel ofertáronse actividades que combinaban o deporte, o coñecemento do medio natural do propio entorno e a aventura. Así fixéronse saídas en canoa e rafting polo río Ulla, paintball e bicicleta. Esta programación está dirixida pola concellería de Manuel Anxo Fernández, que xestiona Deportes e Medio Natural.

A actividade que falta é a da marcha cicloturista que se fará o vindeiro sábado e para a que se planificaron dous percorridos segundo a dificultade, un de 10 quilómetros e o outro de 30. Para participar hai que ter 12 anos de idade como mínimo.

Dende Deportes destacan a importancia de anotarse na marcha de xeito previo sendo imprescindible o uso de casco e roupa axeitada para a actividade. Ó remate da proba facilitarase o uso dun servizo de ducha no pavillón municipal Ezequiel Mosquera, na Ramallosa.

Liga de fútbol sala

Por outra banda durante estes días tamén se abre o prazo para anotarse na XIV Liga de fútbol sala Concello de Teo. Esta actividade realízase para fomentar o deporte e os valores positivos propios desta disciplina como o xogo en equipo. Os equipos interesados en participar deben presentar unha folla de solicitude debidamente cuberta a partir do luns 5 de setembro ata o 30 do mesmo mes no Rexistro Xeral do Concello. Os combinados teñen que pertencer ó Concello, podendo ter un máximo de 4 xogadores non censados en Teo por equipo.

Dende o Departamento de Deportes tamén se destaca que aquelas persoas ou entidades que desexen facer uso dos pavillóns polideportivos municipais de Calo, Os Tilos e A Ramallosa entre o 1 de outubro e o 31 de maio poden presentar xa a solicitude no Rexistro Xeral do Concello. Máis información sobre estas actividades no Departamento de Deportes.

Ningún comentario: